O pleno do Concello de Baiona ven de aprobar o V Plan de Igualdade e, como xa acontecera no anterior proceso de elaboración do IV Plan de Igualdade (2019-2023), foi o BNG, o único partido en presentar propostas de diversa índole. Nesta ocasión o BNG propuxo unha batería de melloras que foron rexeitadas, agás unha: recoñecer coma fortaleza o incremento gradual do orzamento destinado á concellería de Igualdade.

Como calquera acción política, o traballo pola igualdade require dun orzamento para poder desenvolverse. Así, durante o tempo que formamos parte do goberno municipal, o orzamento da concellería de Igualdade foi en aumento ano tras ano ate acadar o seu máximo histórico no ano 2023 cun orzamento de 36000€ para a redacción e desenvolvemento do V PIOM. Queda esperar que o goberno baionés, tal como afirmou a concelleira de igualdade no pasado pleno do 6 de marzo, cumpra a súa palabra e dote de orzamento neste ano 2024 e nos vindeiros cursos políticos ao desenvolvemento do plan.

Outra das propostas presentadas trataba sobre a eliminación ou modificación da creación da comisión de Igualdade, xa que tal como está planeada polo goberno do PP deixa fóra a unha parte da representación política da veciñanza de Baiona excluíndo a representación da oposición, xa que esta comisión estaría presidida polo Alcalde e conformada polo persoal técnico e político do goberno. A Comisión de igualdade ten como fin facer seguimento e avaliación do desenvolvemento do V PIOM, e dende o BNG consideran imprescindíbel contar coa maior representación da veciñanza e deixar fora a parte da representación institucional non é o axeitado, democraticamente falando.

Por outra banda, o suposto feminismo do actual goberno do PP queda patente cando organiza a presentación da campaña “8M a igualdade é a razón” para o propio día as 12.30 horas, imposibilitando a moitas das persoas alí presentes participar na concentración de A Ramallosa que partía a mesma hora dende o peirao de Baiona.