Juan González, alcalde de Nigrán
ALFREDO // Juan González, alcalde de Nigrán

Segundo Nigrán Decide, no pleno da corporación de Nigrán celebrado este xoves acordouse, a iniciativa do grupo municipal de Nigrán Decide, iniciar un expediente de responsabilidade patrimonial para reclamar ao Alcalde de Nigrán a cantidade de 3.005,07 euros, importe da sanción imposta por non prohibir o baño, non informar da contaminación da zona de praia, poñendo en risco a saúde da poboación durante o episodio de contaminación microbioloxica acontecido o 9 de agosto do ano 2017 en Nigrán.

Coa tramitación do expediente deberán depurarase as posíbeis responsabilidades do alcalde na súa decisión e, se así se determina, esixirlle o pago desta multa para resarcir ao Concello dos danos producidos polo seu comportamento que, como mínimo, cualificamos de grave neglixencia“, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide.

Cuevas aclara que a sanción foi imposta por poñer en risco a saúde das persoas, non pola existencia dun vertido. “Dalgunha forma hai que poñer freo a estas actuacións do goberno de Nigrán pois, en caso de que o risco se materializase enfermando bañistas, a maiores, o dano para a imaxe de Nigrán sería irreversible”.