ALFREDO

Os portos de titularidade autonómica das Rías Baixas recibiron 5.667 barcos en tránsito durante o pasado verán –meses de xullo, agosto e setembro-, segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións náutico recreativas.

Así o sinalou o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa nas oficinas portuarias de Pontevedra.

O porto deportivo de Combarro rexistrou o maior número de embarcacións destas características, con 789 tránsitos; seguido de Nauta Sanxenxo, con 568, e do Porto Deportivo de Baiona con 575. A nivel autonómico, Galicia recibiu durante a pasada tempada estival un total de 7.596 barcos en tránsito.

Deste xeito, a provincia de Pontevedra confirma a consolidación desta actividade portuaria no conxunto da comunidade, que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que está a manter os bos resultados. Neste sentido, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia experimentaron no primeiro semestre do ano unha suba dun 4,4% interanual.

Forte suba en setembro

En canto aos fluxos de navegantes, durante este verán tense rexistrado un cambio na temporalidade dos viaxeiros, ao baixar o número de chegadas no mes de xullo e incrementarse de xeito reseñable en setembro. De feito, no mes de setembro o número de chegadas de tránsitos a Galicia experimentou unha suba do 50%.

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como a recente presenza nos salóns náuticos de Southampton (Reino Unido) e La Rochelle (Francia) ou a participación prevista no vindeiro mes de decembro no de París.