O grupo municipal do PP de Gondomar vén de amosar publicamente o seu apoio aos comerciantes da Praza Manuel Alonso no rexeitamento ao proxecto de remodelación e peonalización desta céntrica contorna da vila e esixe ao Goberno local que abra vías de diálogo con todas as partes afectadas e a veciñanza para alcanzar un “consenso”.

A formación que lidera Paula Bouzós mantivo un encontro cos propietarios dos establecementos comerciais desta zona e apoiou as súas demandas ante o proxecto que impulsa o alcalde Francisco Ferreira e o Goberno local, «xa que creemos que esta obra, tal e como está deseñada, será nociva para o comercio”.

Os populares lembraron “os malos resultados” das actuacións similares acometidas nas prazas Paradela e Rosalía de Castro e demandan unha xuntanza cos comerciantes, os veciños e a oposición “para chegar a acordos e buscar un proxecto que contente a todos, que non expulse aos clientes dos comercios desta zona e provoque peches de establecementos”.

A voceira municipal lamentou que o rexedor sacara adiante un proxecto de tanto calado “sen consultar, sen consenso e sen atender a proposta do PP de que se falar cos comerciantes e os veciños e ademais reincidindo no erro tras as malas experiencias anteriores no centro de Gondomar”.

Bouzós lamentou que o alcalde levara este proxecto a un pleno extraordinario urxente no final da pasada lexislatura «para licitalo aproveitando que daquela tiña maioría absoluta, pero a situación mudou e agora minguou a súa representación no pleno e está en minoría, en parte por decisións como a que pretende perpetrar na Praza Manuel Alonso, polo que cremos que debe entender que debe sentarse a falar con todos polo ben de Gondomar”.

A concelleira amosou completamente a favor de que se invista en Gondomar e máis cando a Deputación de Pontevedra está disposta a destinar un millón de euros, pero cre que “débese aproveitar mellor esta achega cun proxecto de vila e bo para o comercio”. Con este fin convoca a todos os comerciantes e veciños para o vindeiro luns as 20:30 na sede do PP de Gondomar, na rúa Manuel Alonso 9, para informar sobre a posición do Partido Popular ao respecto.

Finalmente, revelou que o propio alcalde “está obcecado con esta remodelación malia que sabe que pode ser prexudicial, porque do contrario non andaría mentindo sobre os dous sentidos de circulación, posto que o proxecto só contempla un”. Ademais, Bouzós botou en falla a presenza de máis árbores e zonas verdes na actuación proxectada.