O grupo municipal do PP de Tomiño vén de esixir información detallada e a depuración de responsabilidades ao Concello polo episodio de contaminación de augas, con afección á potable para consumo humano, producido no lugar de Xibao como consecuencia dunha avaría durante a execución das obras do saneamento impulsadas pola propia administración local.

Os populares revelaron que os traballos desta actuación sufriron unha incidencia «pola rotura dunha tubaxe que xerou presuntamente un vertido nos pozos de auga potable desta contorna de Tomiño, sen que se avisara destes feitos á veciñanza nin por parte do goberno local nin da empresa adxudicataria«, aseguran os populares.

O PP local recibiu diversas queixas dos veciños afectados «pola falla de comunicación destes feitos, o que motivou que seguiran consumindo a auga dos seus pozos e de que, posteriormente, se produciran ingresos de varios deles en urxencias por un forte malestar como consecuencia da inxesta de auga contaminada», explican.

“Está claro que as obras son necesarias para mellorar a calidade de vida da xente e que en ocasións suceden avarías ou imprevistos, pero o que non pode ser é que cando suceden, o Concello se desentenda por completo e non avise aos veciños nun episodio desta gravidade que motivou que houbera xente enferma. Cremos que non se cumpriu axeitadamente o protocolo e os veciños estiveron desamparados polo seu goberno que, lamentablemente, xa nos ten acostumados a estar ás súas cousas, a non atender axeitadamente aos veciños, a non manter o nivel óptimo de xestión que implica dirixir un municipio como Tomiño e a escorrer o vulto”, manifestou a voceira municipal, Lara Meneses.

Por todo elo, os populares queren esixir ao goberno local «que aclare estes feitos e que depure responsabilidades de carácter político pola posible neglixencia, en referencia a que fallou para que non se comunicara a situación aos veciños e non se detectara en tempo e forma a filtración de augas fecais aos pozos das vivendas», indican.

Finalmente, o PP tomiñés tamén quere que o goberno nacionalista informe con detalle sobre o destino exacto e o tratamento das augas fecais que se acumularon na zona das obras, «posto que nos consta que se trasladaron diversos escritos por esta cuestión a outras administracións, como a Xunta de Galicia ou a Confederación Hidrográfica», rematan.