Paula Brouzós
Paula Bouzós

O alcalde de Gondomar ven de convocar un pleno extraordinario para este mércores co fin de aprobar diversos asuntos «aproveitando a ausencia dun concelleiro popular por unha viaxe programada«, asegura Paula Bouzós.

Na Comisión Informativa de Asuntos de Pleno celebrada este luns a voceira popular comunicou ao alcalde que esta semana un concelleiro do Partido Popular estaba de viaxe, polo que non se podería celebrar este mércores o pleno extraordinario, «tendo en conta que non se cumpría o prazo mínimo de dous días para a convocatoria do mesmo. A resposta do Sr. Ferreira foi que a el non lle importaba nada, que non se podía facer porque os outros días non estaban membros do seu goberno e que para evitar os prazos a convocatoria sería con carácter urxente», indicou Bouzós.

A voceira do Partido Popular engade que “a sorpresa chegou coa convocatoria do pleno extraordinario na que o alcalde incluíu na orde do día o estudio de viabilidade para a licitación do subministro de auga potable e saneamento do concello, sen que o comunicara na comisión informativa e despois de que lle comunicara que un membro do PP non podía asistir ao pleno deste mércores”. «Deste xeito o alcalde asegúrase a aprobación dun asunto que foi rexeitado en cinco plenos anteriores ao non querer incluír no mesmo as suxestións e achegas feitas pola oposición», afirma.

Entre os membros do PP gondomareño causou sorpresa a convocatoria dun pleno extraordinario no mes de agosto, cando foi acordado a comezo de lexislatura que o pleno de agosto deberíase celebrar o último xoves de xullo ou día inmediato hábil, «e cando por riba non se celebrara o de xuño por falta de asuntos que levar ao pleno e no de xullo só se levara unha modificación orzamentaria», engadiu a popular.

“O alcalde está actuando dun xeito ditatorial, aproveitando que non está un concelleiro do PP para aprobar asuntos que levan tempo encallados ante a súa total falta de capacidade de negociación coa oposición. A deixadez e a falta de previsión fan que este goberno municipal co Sr. Ferreira á cabeza actúe de forma improvisada e a golpe de ocorrencias, e actúe deste xeito e sen ningún escrúpulo e sen ter en conta as demandas dos veciños a través dos membros da oposición”, remata dicindo Paula Bouzós.