O PP da Guarda esixe ao Goberno un plan de promoción turístico urxente

O Partido Popular da Guarda esixe ao Goberno municipal que aprobe un plan de promoción turístico urxente co que revitalizar e potenciar o municipio guardés.

Será no próximo pleno municipal, no que a voceira do PP, Conchi Ortega, defenderá unha moción na que propón, entre outras, medidas coas que mellorar tanto a sinalización dos principais recursos turísticos da Guarda, como a información que se ofrece aos visitantes.

Conchi Ortega considera que o Goberno socialista non está facendo o suficiente para promocionar A Guarda e critica a súa pasividade á hora de poñer en marcha iniciativas ou recursos que potencien o Concello como destino turístico e que contribúan a mellorar a súa imaxe entre os visitantes que se achegan a el. “Levan dous anos en branco en materia de turismo”, engade. Como exemplos, cita a falta de mantemento nas rotondas de acceso ao municipio, pero sobre todo a falta de sinalización nas estradas de acceso á Guarda e nos principais puntos de interese, como son o Porto, O Tegra, as praias… “lugares onde ata os veciños teñen que poñer indicadores”, lamenta. Ademais, sinala que hai “moita indignación e malestar entre os hostaleiros e comerciantes, conscientes da falta de xestión do goberno en materia de turismo”. Temos visto escritos de Asociación de comerciantes facendo suxerencias que tiñan que haber sido iniciativa do goberno local.

Por iso, a través da moción propón colocar vallas publicitarios da Guarda nas estradas de acceso e de entrada, pero tamén mellorar a sinalización dentro do propio concello e instalar unha caseta de información turística nas áreas das Loucenzas e da rotonda de San Roque, con persoal cualificado. Outra das medidas que inclúen os populares é colocar aseos públicos na Alameda e no Porto, e mellorar os que hai no Monte Santa Tegra. E, neste último lugar, colocar un cartel co rueiro da Guarda e con suxestións dos principais puntos de interese para os turistas. Sobre o mantemento das rotondas nas estradas de acceso, Conchi Ortega recorda que son a primeira imaxe que recibe o visitante do concello, e por suposto é lamentable.

Nesta liña, a voceira do PP recorda que xa en xullo de 2015 e nese mesmo mes de 2016 presentou sendas mocións con propostas a nivel turístico e que a resposta da concelleira delegada de Turismo, en ámbolos dous casos, foi que se ía a constituír a Mesa de Turismo e alí se poderían debater todos os aspectos relacionados con este sector. “Pasaron dous anos e nin se tiveron en conta as suxestións que fixo o PP, nin se atenderon as críticas do sector, nin se creou nin convocou a mesa de Turismo. Conseguiron neste tempo facer do turismo unha emerxencia a nivel local, está agonizando e son incapaces de reanimalo”, critica a popular.