O PP da Guarda solicita unha conexión permanente con Caminha
Os asistentes a reunión

O pasado luns, o Partido Social Demócrata de Caminha (Portugal), representado pola deputada da Asemblea da República e concelleira da Cámara Municipal de Caminha, Liliana Silva, os concelleiros José Presa e Paulo Pereira, o deputado da Asemblea Municipal, Rui Taxa, e o Presidente do Concello de Distrito, José Lima, mantiveron unha reunión cos representantes do Partido Popular da Guarda, en particular con Roberto Carrero, presidente do PP guardés e concelleiro no Concello, e con Óscar Alonso Álvarez, secretario dos populares no municipio e tamén concelleiro na vila.

Durante a reunión, ambas as partes expresaron a importancia desta ligazón, considerando que a travesía e conexión mediante o actual Ferry- boat non é solución ás necesidades actuais de ambos os municipios. A ligazón permanente de ambas as marxes é un obxectivo común que resulta clave para garantir o desenvolvemento socio-económico das localidades e potenciar proxectos de futuro.

O obxectivo principal da reunión foi unir esforzos e desenvolver estratexias para asegurar unha ligazón internacional entre os municipios de Caminha e A Guarda. Outro dos obxectivos da reunión foi levar esta proposta aos parlamentos galego, español, portugués, así como a inclusión deste tema no próximo Cume Hispano-Luso previsto na cidade portuguesa de Guarda en xuño do 2019.