ALFREDO // Tanque de tormentas (archivo)

O Partido Popular de Gondomar acusa ao alcalde da localidade, Paco Ferreira, «de enganar aos veciños co anuncio do proxecto dun parque canino», a pesar de ter coñecemento desde marzo, dunha sentenza do Tribunal Superior de Galicia que anula definitivamente a orde de paralización das obras de construción do tanque de tormentas. Unha decisión xudicial que suporá un custe por familia de 800 euros, tendo en conta unha familia de catro membros de media.

“Ferreira tiña coñecemento da sentencia do TSXG, e aínda así seguiu co seu proxecto do parque canino“, sinala a candidata popular a Alcaldía, Paula Bouzós. “A semana pasada o anunciou con un cartel informativo colocado na parcela, como intento de tapar o que el xa sabía, que a xustiza comunicara que se tiña que facer o tanque de tormentas», asevera a cabeza de cartel, convencida da intención do rexedor de desviar a atención cun claro interese electoralista.

Ao fío, a alcaldable do PP explica que agora Augas de Galicia dispón dun ano para reclamar xudicialmente as indemnizacións ás que ten que facer fronte o Concello de Gondomar e que superarán, cifra, «os dous millóns de euros máis os intereses correspondentes«. “Unha contía á que as arcas municipais terán que facer fronte en detrimento doutras inversións necesarias na localidade”.

Así mesmo, recorda que «por culpa dunha decisión tanto de Antonio Araújo, polo de aquela concelleiro de Urbanismo, como de Paco Ferreira, adquírese unha débeda que impide outras actuacións tan relevantes para a localidade como o saneamento de Gondomar». Segundo recorda, «neste proxecto íanse investir máis de tres millóns de euros, financiados con fondos da Unión Europea, non só no tanque de tormentas, senón tamén nos colectores principais». “Agora, sen os fondos da Unión Europea, haberá que xestionalo coa Xunta de Galicia“, lamenta.