cocina CEIP Humberto Juanes

O Partido Popular de Gondomar denuncia o «lamentable» servizo de comedor escolar que está prestando a empresa que suministra o comida a quen o concello de Gondomar adxudicou ó ano pasado o contrato para a prestación deste servizo por un importe total de 494.100,00 €, por un período de dous anos.

A voceira do PP de Gondomar afirmou que varios pais e nais de alumnos dos colexios públicos de Gondomar dirixíronse ó partido para informar sobre o «pésimo servicio de comedor escolar que se está prestando nos colexios«, acusan ó concello de «deixadez de funcións e pasividade ante os escritos presentados por rexistro denunciando o tema», sen que nin o alcalde nin a concelleira de Educación e a de Sanidade fagan nada ó respecto.

Denuncian tamén que a empresa non cumpre coa programación dos menús, xa que o día 26 de novembro se rexeitou unha partida de puré que non estaba na carta dos menús. Ó mesmo tempo queren deixar constancia da falta de mesas quentes para a conservación dos alimentos que «chegan ós centros sobre as 11:00 horas e que non son servidos ata as dúas da tarde».

«Foi tal o malestar dos pais, que a dirección do colexio Chano Piñeiro de Gondomar remitiu un escrito ós mesmos para tranquilizalos, indicando no mesmo, que nos diferentes días nos que o menú chegou en malas condicións a dirección do centro tomou cartas no asunto e rexeitaron varias partidas de menús ó consideralas que non eran aptas para o consumo, pondo os feitos en coñecemento da Concelleira de Benestar Social e Sanidade do concello de Gondomar«, indican.

«Dase a casualidade que a empresa que presta este servizo nos colexios de Gondomar xa tivo problemas idénticos en varios colexios de Tui, coincidentes no tempo e nos ingredientes cos acaecidos nos colexios de Gondomar«, aseguran os populares.

O Partido Popular de Gondomar presentará unha moción ó pleno de decembro para «pedir explicacións ó goberno municipal sobre as incidencias acontecidas cos comedores escolares, esixindo responsabilidades polas neglixencias acontecidas e pedindo un plan de acción para remediar esta situación que están padecendo os cativos dos colexios públicos e que neste mes de novembro se veu acentuado creando unha alarma social entre os pais e nais».

«Unha vez mais este goberno do concello de Gondomar se esquece de algo básico como é a educación e a saúde dos cativos, non é de recibo que a Concelleira de Educación, a de Sanidade e o alcalde do concello de Gondomar se queden de brazos cruzados ante un problema tan grave como é a saúde dos alumnos dos colexios públicos de Gondomar», afirma a voceira do Partido Popular, Paula Bouzós.