O grupo municipal do PP de Gondomar vén de conseguir o apoio da maioría absoluta do pleno -6 concelleiros do PP, 2 de Manifesto Miñor e 1 do BNG- «para rebaixar os soldos do Goberno local de Francisco Ferreira e adaptalos á legalidade, xa que se aprobaron de xeito incrible por decreto, e á realidade da xente”.
Este xoves celebrouse un pleno extraordinario, impulsado pola formación liderada por Paula Bouzós, no que se aprobaron medidas que fan «decaer os salarios de 194.000 euros anuais para o executivo, dos que 50.000 correspondían ao alcalde, a través dunha proposta de modificación da base de execución 25 do Orzamento Municipal vixente».
“As medidas impulsadas hoxe polo Partido Popular de Gondomar e ratificadas pola maioría do pleno supoñen que, de facto, quedan anulados os salarios estratosféricos de Ferreira e do seu equipo e se axustan á baixa, polos cambios no orzamento do Concello, a unhas cifras máis que dignas para que desenvolvan o seu traballo sen que esquilmen as arcas municipais”, explicou Bouzós, que concretou que o alcalde recibirá 40.000 euros anuais e haberá outras tres adicacións, unha por 30.000 euros e dúas de 15.000.
“Antes cobraban seis persoas cun decretazo do alcalde pensado máis en arranxar a vida de todo o goberno que en atender aos problemas e ás necesidades dos veciños e agora vai haber catro membros do goberno con soldos dignos, que cremos que é unha cifra máis que suficiente, pero o que teñen que facer é traballar e non figurar”, manifestou a voceira popular.
Bouzós lamentou o “talante antidemocrático, as ameazas, os insultos, as interrupcións, as alusións persoais e as constantes fallas de respecto” do alcalde Francisco Ferreira durante a sesión, “algo que suponemos que obedece á desesperación que lle supón que se rematen os luxos asiáticos do goberno de Gondomar a costa dos veciños e de que o noso Concello deixe de ser unha axencia de colocación do PSOE”.
“Foi mérito da maioría da corporación acabar con este saqueo das arcas de Gondomar, repoñer a legalidade e esixir unha proposta de organización como todos os demais concellos de Galicia, e que o alcalde e o seu goberno cobren uns soldos acaídos ao que recibe a xente de a pé”, significou Bouzós, que engadíu que “semella que Ferreira non se deu conta de que perdeu, merecida e rotundamente, a maioría absoluta e xa non pode campar ás súas anchas”.
Finalmente, a voceira popular proclamou que “hoxe remata o baleirado das arcas municipais por parte de Francisco Ferreira, que o que ten que facer desde xa é esforzarse en pagar os 2,3 millóns de euros que o Concello ten en facturas pendentes a empresas e provedores, tal e como certificou o Ministerio de Facenda con data do pasado 30 de xuño, pola súa nefasta xestión».