Este xoves día 21 de setembro celebrouse una sesión plenaria a petición da Alcaldesa de Oia para tratar, entre outros temas, os complementos retributivos de persoal laboral municipal, tamén coñecidos como conceptos de “produtividade”.
«É importante por en coñecemento de todos os veciños do municipio que o Concello de Oia, non conta cunha RPT (Relación de Postos de Traballo), nin un Convenio Colectivo que regule certos aspectos do persoal laboral municipal e tampouco se atopan en trámite», aseguran dende o PSdeG-PSOE.
«Isto provoca que se dean situacións de alegalidade para aboar as cantidades que lles pertencen aos traballadores municipais, con informes desfavorables dende os departamentos de secretaría e intervención municipais, posto que o equipo de Goberno do PP, encabezado por Cristina Correa, pretende realizar estes abonos aos empregados cunha modificación de crédito, algo que se evitaría se o Concello de Oia contase cun convenio Colectivo ou unha RTP», sinalan os socilistas.
Para o voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gerardo Rodríguez Refojos, esta situación «era previsible, e malia a que xa non é algo novo, debería de terse solucionado fai xa tempo se dende o Goberno de Cristina Correa se apostase por crear e levar adiante o convenio Colectivo ou unha RTP que garanta estas cuestións e evite realizar “chapuzas” a nivel económico».
O PSdeG-PSOE de Oia votou en contra neste punto da orde do día, por non contar cos informes favorables pertinentes e aclaran que, «non estamos en contra de que os traballadores municipais cobren o que lles pertence, senón de que se faga de xeito correcto, apostando sempre pola transparencia, bo goberno e garantindo os postos de traballo dos empregados municipais, cousa que pasa pola aprobación dun Convenio Colectivo ou unha RPT».
Refojos insta novamente á Alcaldesa de Oia, Cristina Correa, a que faga ben as cousas, para ter que evitar problemas e polo ben dos propios traballadores municipais, «que tamén teñen os seus dereitos«, asegurando os postos de traballo do Concello de Oia, evitando desta forma «tamén que nun futuro se marchen empregados a outras administracións, como ten acontecido en concellos veciños».