O grupo municipal do PP de Nigrán acusou ao goberno local de “absoluta falla de iniciativa, de ideas, de liderado e de capacidade de traballo” no pleno celebrado esta mañá e enumerou todas as cuestións abordadas na sesión como “un regueiro de problemas dun Concello que perde subvencións para investimentos, amosa unha absoluta desinhibición coas decisións da reforma da rúa Bouzavella, non é capaz de sacar uns orzamentos municipais malia a súa maioría absoluta e se limita a copiar os proxectos dos populares, en referencias ás pistas de BMX e skate».

A voceira municipal, María José Pino, lamentou durante o pleno o “abandono absoluto” do alcalde Juan González e do seu executivo “á hora de tomar decisións, o que provoca que o Concello estea á deriva”. Neste senso, criticou que Nigrán veña de perder unha achega de 30.000 euros da Xunta de Galicia para comprar un camión de recollida de residuos, “un vehículo que consideramos máis que necesario para mellorar un servizo decadente e ineficiente”.

Por outra banda, a concelleira popular considerou “inaudito que o rexedor collera a moción do PP sobre creación de novas pistas deportivas para construír un circuíto pump-track para BMX en Vilariño e un half-pipe para a práctica do skate en Patos e anuncie que se van a facer o vindeiro ano«. “Este feito demostra, ademais das súas malas formas, unha absoluta carencia de liderado e ideas, pero, como o noso propósito é que se fagan, alegrámonos de que as anuncie, deixando claro que se trata dunha proposta nosa, e estaremos moi pendentes de que cumpra, porque moito nos tememos que é unha cortina de fume para tapar o noso traballo”, manifestou María José Pino.

Así mesmo, a voceira do PP tampouco entende a postura do alcalde con respecto á reforma e á decisión sobre os sentidos de circulación na rúa Bouzavella, «xa que dá a sensación de que bota balóns fora e evita facer o seu traballo, que é gobernar, traspasando a responsabilidade aos veciños agochándose nun suposto talante democrático a través dunha consulta popular, pero que pode xerar problemas de convivencia entre os residentes e máis vendo o resultado tan axustado”. Nesta liña, tamén lamentou a “chapuceira organización e planificación desta consulta, xa que mudaron as bases de participación a só dous días da súa celebración», di a popular.

Por último, Pino tamén se opuxo á modificación de crédito de 590.000 euros aprobada no pleno e orientada a pagar das facturas, “algunhas delas derivadas de traballos adxudicados a dedo”, xa que para a concelleira popular “o que debería facer o Goberno, dado que ten maioría, é aprobar un orzamento municipal e operar como corresponde, e non con estas trapalladas, xa que ademais a falla dese documento prexudica aos veciños, xa que o Concello está moito máis atado».