PP de Tomiño

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de criticar e denunciar publicamente a mala execución das obras de humanización no centro de parroquia de Taborda, «que xa presenta fendas, roturas e outros danos importantes en apenas poucos meses, e esiximos ao Concello que acometa a súa reparación inmediata e se asegure que se faga cos debidos estándares de calidade para que estes feitos non se reproduzan no futuro».

A voceira municipal, Lara Meneses, lembrou que esta actuación anunciouse e iniciou as súas obras «xusto antes das eleccións municipais», polo que non se entende que presente “todos estes defectos e problemas, co conseguinte risco de accidentes para peóns e vehículos en apenas medio ano de existencia», indica.

“Volvemos a enfrontarnos a unha situación xa coñecida en Tomiño e que o Goberno local está tan empeñado en humanizar, moitas veces sen sentido, que nin se fixa en como se fan as cousas, non se preocupa do resultado final das obras e, como pasa moitas veces, non supervisa que teñan a calidade axeitada e que merecen os veciños, máxime cando se fan con cartos de todos”, manifestou a concelleira.

Lara Meneses lamentou tamén a actitude do executivo de Sandra González con esta obra, “xa que se fixo completamente en contra dos intereses da maioría dos veciños, derrubando o vello palco da festa, que empregaban como almacén para gardar materiais ou para reunirse”. “Por como se fixo a obra, que non fai falla moito para saber que se fixo moi mal, como pola contestación que espertou entre a veciñanza, cremos que é inadmisible o seu estado actual”, manifestou.

Por todo elo, a voceira popular reclamoulle ao goberno local que, ademais de reparar de inmediato estes danos en Taborda, «asuma con maior tranquilidade e capacidade de análise as obras de humanización no rural, xa que moitas veces causan máis molestias que beneficios, e, sobre todo, sexa rigoroso na supervisión da execución destas e outras obras e controle axeitadamente a súa calidade, que é algo que se bota en falla nos últimos investimentos no municipio”, remata Meneses.