Esteban González Miranda, voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Tomiño considera que as obras que se están a levar a cabo na alameda de Goián «denotan unha gran falta de planificación e como consecuencia diso os alumnos do colexio Pintor Antonio Fernández desta parroquia non poderán realizar as actividades físico deportivas no pavillón».
Segundo informou o voceiro popular, «a alcaldesa, Sandra González e o concelleiro de urbanismo Uxío Benítez, tomaron de xeito unilateral, a decisión de demoler as escaleiras que os alumnos utilizan para acceder ao pavillón sen antes acordalo coa propia dirección do centro educativo e sen nin sequera ofrecer algunha alternativa».
O Grupo Popular sinala que «se antes de levar a cabo ditas obras contouse coa autorización preceptiva da Consellería de Educación por afectar as devanditas obras en terreos afectados e destinados ao uso educativo«.
Os populares tachan esta actuación de “irresponsable e soberbia” e engaden que “ignora o lexítimo interese da administración educativa de ser coñecedora das obras que se pretenden levar a cabo nos terreos afectados polo uso educativo e que non son competencia municipal«.
“Polo que vemos, terá que ser a petición da administración educativa cando a señora alcaldesa e o concelleiro de urbanismo se aveñan a dar explicacións tratando de xustificar unhas obras que non estaban previstas e que só se xustifican por unha falta de planificación”, engadiu González Miranda.
“Ao mesmo tempo consideramos que pode existir unha gran indefensión nos propietarios dos terreos lindeiros ao facerse a modificación puntual do PXOM e establecer área de repartición”, rematou o voceiro popular lamentando “unha vez máis, que o goberno municipal dea mostras da súa improvisación e falta de xestión”.