O grupo municipal do PP de Tomiño vén de denunciar diversos problemas no alumeado público do concello despois de que, nos últimos días, se estean a producir prolongados apagóns nos puntos de luz que están a afectar principalmente á praza central da parroquia de Figueiró, pero que tamén se están a detectar segundo os populares, con menor intensidade e periodicidade, noutros lugares e camiños.
Os populares revelaron que o centro de Figueiró leva máis dunha semana completamente a escuras polas noites, o que motivou que moitos veciños desta contorna lles trasladaran as súas queixas por esta situación, e tamén que os problemas do alumeado público se están a reproducir cunha menor gravidade noutros puntos do rural tomiñés.
A voceira municipal, Lara Meneses, considera que estes cortes e caídas son “inadmisibles”, xa que prexudican moito a calidade de vida da veciñanza tanto para os seus desprazamentos en vehículo ou a pé, como para a seguridade viaria ou, simplemente, a presenza cotiá nestes espazos públicos en horario nocturno.
Por todo elo, a concelleira popular vén de solicitarlle ao Goberno local que esixa a inmediata reposición e o funcionamento axeitado do alumeado público á firma enerxética, «xa que o Concello ten que responsabilizarse de que os servizos que ten contratados se presten de xeito correcto para non afectar aos cidadáns. Así, insta ao executivo nacionalista a que se dirixa á empresa distribuidora para demandarlle a corrección inmediata destas deficiencias, sempre e cando, como parece, sexa unha cuestión derivada do servizo enerxético e non dos báculos, farolas ou outras infraestruturas municipais dos sistemas de iluminación».
“Está claro que, se está fallando o subministro, o Concello non é culpable, pero si é responsable e competente de que o alumeado estea operativo, xa que paga as correspondentes facturas eléctricas, polo que ten que dirixirse á empresa distribuidora de inmediato e que lle poña couto a este problema”, indicou Meneses, que engadiu que, «de non solucionarse estas deficiencias en próximas datas, presentará unha iniciativa para abordar esta cuestión no pleno municipal».