O grupo municipal do PP de Tomiño vén de lamentar que o goberno local rexeitara a súa moción para financiar as obras de ampliación do saneamento ás dez parroquias que carecen deste servizo municipal cos fondos do novo Plan Provincia Extraordinaria da Deputación.

Neste senso, os populares consideran que o executivo do BNG está a renunciar incomprensiblemente as súas propias competencias en materia de sumidoiros e depuración e lamentan que “deixe tirados e sen solucións” aos 5.000 tomiñeses que, segundo os datos do propio Concello, carecen desta rede.

O PP local impulsou este luns a celebración dun pleno extraordinario cun único punto na orde do día, consistente en destinar a saneamento a contía total do novo programa de investimentos do organismo provincial, que pode deixar ata 1,2 millóns de euros no Concello cunha achega de 900.000 euros por parte da Deputación.

Para os populares, esta obra é básica, fundamental e estratéxica, posto que neste momento hai carencias ou eivas neste servizo en Piñeiro, Amorín, Currás, Sobrada, Taborda, Barrantes, Pinzás, Carregal, Tebra e incluso algunha zona de Forcadela.

Malia que é unha situación flagrante e perentoria, o BNG dixo non á nosa proposta, pero o peor de todo é que non ofreceu ningunha outra alternativa para toda esta xente. Para nós é igual que o saneamento se financie co Plan Provincia Extraordinaria, pero o propuxemos porque vemos aí unha gran oportunidade económica, ou con outros plans da Deputación, da Xunta, do Goberno de España ou de Europa, pero o BNG ten que poñerse as pilas e non deixar desatendidos a milleiros de tomiñeses, porque é unha vergoña que, en pleno 2024, máis dunha terceira parte dos veciños teñan que recurrir a unha fosa séptica”, explicou a voceira municipal, Mónica Otero.

A concelleira do PP lamentou as “excusas peregrinas e as xustificacións baleiras de contido” ofrecidas polo BNG para tratar de agochar a súa responsabilidade en materia de saneamento tras cinco mandatos ao fronte do goberno local de Tomiño, “xa que poñerse a falar da Xunta nunha competencia municipal, dos prazos do plan da Deputación, da imposibilidade de extender o proxecto por todo o territorio cando se podería centrar nunha soa parroquia ou de supostas filtracións de información, non deixa de ser un intento desesperado do goberno de Sandra Álvarez de poñer unha cortina de fume sobre unha realidade inapelable, que é que máis de 5.000 veciños de Tomiño non teñen rede de saneamento”.

Os populares deron ademais por boa esta cifra da extensión do servizo dada polo goberno nacionalista, que sostén que o 65% da veciñanza está conectada ao saneamento, “así que imos tentar ser xenerosos malia que temos moitas dúbidas de que este dato da alcaldesa sexa real, posto que nos parece inflado, pero en todo caso reflicte que 5.000 veciños e dez parroquias carecen de sumidoiros”. “Acusáronnos de ambigüidade e demagoxia con esta proposta, pero o que realmente é ambiguo é a súa postura co saneamento, aínda que cada vez menos, porque xa se ve que non o queren facer, e o que realmente é demagóxico é que falen doutras administracións cando é a súa exclusiva responsabilidade e competencia”, precisou Mónica Otero.

A proposta do PP neste pleno extraordinario foi rexeitada cos votos do BNG, malia que contou cos apoios favorables do PP e as abstencións do PSOE, “do que non entendemos a súa postura, e os veciños de Tomiño tamén cada vez menos, porque criticaron a falta de proxectos e avances nesta materia durante os gobernos do Bloque e instounos a buscar solucións pero non votou a favor”.