O grupo municipal do PP de Tomiño vai esixirlle ao Goberno local que inclúa partidas máis elevadas nos investimentos en materia de saneamento –algo moi demandado pola veciñanza–, aparcamento e comercio no proxecto de Orzamentos Municipais 2024, que se debaterá mañá en pleno, para corrixir as cantidades “pírricas propostas polo executivo do BNG». Ademais, tamén pedirá avances reais no polígono agroindustrial de Figueiró, “que nin aparece no documento nin tampouco no anuncio de fondos externos que, segundo a alcaldesa, chegarán o vindeiro ano”.

Así, os populares consideran “totalmente insuficiente a dotación de 60.000 euros para novos sumidoiros, lembrando que se trata dunha competencia exclusivamente municipal, polo que é o Concello quen ten a responsabilidade de investir e implantar este servizo básico aos veciños».

Apenas houbo avances ao longo destes anos nalgúns barrios do centro, e o Goberno de Sandra Álvarez vai xa para 17 anos, e ata nove parroquias e preto de 9.000 tomiñeses carecen deste servizo e non teñen acceso á rede, polo que cremos que estes 60.000 euros só se poden interpretar como un desprezo aos cidadáns”, manifestou a voceira municipal, Lara Meneses, que indicou que agás Tomiño, Goián, Figueiró, Forcadela e Estás «e en moitos casos de xeito parcial e incompleto, o resto das parroquias están abandonadas á súa sorte”.

A concelleira tamén indicou que os 25.000 euros da partida para aparcamentos “non servirá para coutar este grave problema e darlle unha solución definitiva a unha cuestión que preocupa moito aos veciños e comerciantes e, ademais, cremos que nin sequera chegará para pagar toda a saburra que se gasta anualmente para parchear de xeito precario os espazos habilitados”.

Nesta mesma liña, a voceira popular tamén reclamou, como leva facendo ao longo desta lexislatura, máis fondos e unha aposta decidida de apoio ao comercio local, «xa que nos Orzamentos figuran 163.000 euros nesta partida, que realmente quedan en 96.000, xa que os 67.000 restantes destínanse ao mercado. Sen solución no estacionamento e con poucos fondos para dinamizar, colaborar e apoiar ao comercio, Tomiño segue esmorecendo no centro ante a desidia do Goberno”, lamentou.

Finalmente, o PP tomiñés tamén acusou á alcaldesa de “trileira por elevar a 5,2 millóns de euros a cifra de investimentos do vindeiro ano nos Orzamentos Municipais, xa que esa contía debe estar só no seu maxín, posto que no documento só aparecen 571.000 euros, catro veces menos que o veciño Concello do Rosal malia duplicalos en poboación».

Así mesmo, tamén considera “fóra da realidade a súa aseveración de que hai unha forte aposta polos Servizos Sociais, xa que a cifra de 1,3 millóns de euros aparece estancada fronte á suba do 5% do total do orzamento. Realmente o que hai na área social é un retroceso, xa que a partida non medra nin a media das contas e ademais, coa inflación existente de case o 4%, poderán facerse menos cousas con eses cartos que as atencións que se desenvolveron neste ano que remata”, concluíron.