O grupo municipal do PP de Tomiño vén de lamentar a “reacción tardía” do Goberno local para activar accións reais e efectivas de dinamización do comercio local e criticou o “apoio insuficiente e cativo” que este sector estratéxico terá por parte do Concello durante este Nadal.
Os populares, a través da súa voceira municipal, Lara Meneses, cren que «non é de recibo que o executivo nacionalista só se puxera en marcha neste ámbito a raíz dunha moción presentada polo PP no derradeiro pleno, que ademais tiveron o desleixo de rexeitar malia dicir que poderían votala perfectamente a favor”.
“Cremos, e así nolo confirman as queixas que recibimos dos comerciantes, que as medidas impulsadas polo goberno para este Nadal son insuficientes, cativas e un simple lavado de cara porque movéronse tarde, sen a forza necesaria, sen accións de dinamización real e sen convicción para apostar por un sector que, desde o PP, estimamos fundamental para o futuro de Tomiño”, manifestou Meneses.
Neste senso, a concelleira revelou que a reunión mantida polo goberno cos comerciantes de Goián orientouse a buscar a súa complicidade para obter fondos europeos para a mellora da praza, “pero non serve de nada, e así o vemos en Tomiño, ter unhas boas instalacións se non teñen xente, se non hai clientes, e non se fan políticas e se establece o clima axeitado para que veñan ao noso concello”.
Ademais, a voceira popular engadiu que as demais iniciativas “esmorecen entre a tristura e o atraso no acendido das luces de Nadal, malia que se aprobou unha modificación de crédito de 30.000 euros para tal fin, a falla de solucións serias ao grave problema do aparcamento ou unha programación cultural, musical e social de apenas sete actos concibidos de costas á rúa”.
Ao respecto, Meneses indicou que o previsto polo Concello no que se refire a estas actividades limítase «a unha acción de voluntariado, dous concertos o 10 e o 17 de decembro, unha obra de teatro o día 26, un espectáculo de maxia o 28, a festa de Fin de Ano e a Cabalgata de Reis, porque negámonos a considerar que o Mercado de Nadal de Vilanova de Cerveira, que está incluido na nosa programación cultural, teña alguna repercusión positiva para o noso comercio”, sinalou.
“Demostran unha vez máis a súa incapacidade para liderar cuestións básicas para o noso concello como é o comercio local e lamentablemente imos deixar pasar, outra vez máis e ao igual que sucede o resto do ano, a oportunidade destas festas pola falla de apoio do Concello a este sector”, concluíu a voceira popular.
