O grupo municipal do PP de Tomiño vai solicitar “sensibilidade” ao goberno local para aprobar, no pleno extraordinario convocado para o luns (13.00 horas), o deseño e execución dun plan integral de extensión do servizo de saneamento a unha decena de zonas do Concello que carecen de sumidoiros ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria que vén de impulsar a Deputación de Pontevedra e que permitirá que se realicen investimentos por ata 1,2 millóns de euros no municipio.

Os populares impulsaron este pleno, que teñen dereito a convocar ao contar con 6 dos 17 dos concelleiros da corporación, co obxectivo de que goberno nacionalista “abandone a súa absoluta deixadez na implantación universal deste servizo e aproveite a oportunidade de investimento” que brinda o organismo provincial, «xa que a contía é importante e, se ben non permitiría completar a rede, si que serviría para ofrecer esta cobertura a milleiros de veciños que carecen de sumidoiros».

O PP local, a través da súa voceira, Mónica Otero, lamentou «os poucos avances nesta materia ao longo dos catro mandatos de gobernos do BNG» e revelou que, na actualidade, «hai importantes carencias ou eivas no servizo de saneamento en contornas como Piñeiro, Amorín, Currás, Sobrada, Taborda, Barrantes, Pinzás, Carregal, Tebra e incluso algunha zona de Forcadela».

Non é de recibo que a maioría dos veciños de Tomiño non teñan este servizo no ano 2024 malia que é básico e se trata dunha competencia municipal e ademais, ante a habitual excusa de que non teñen fondos suficientes, agora acabáselle esta xustificación coa proposta de investimentos extraordinarios da Deputación, que nos ofrece unha opción histórica de adicar 1,2 millóns de euros, cunha achega provincial de ata 900.000 euros, a estas actuacións”, manifestou a concelleira.

Finalmente, o PP tomiñés cre que este proxecto de saneamento cumpre con todos os parámetros esixidos pola Deputación no seu Plan Provincia Extraordinaria, “xa que é indubidablemente estratéxico, porque permitiría completar un servizo básico, fomentaría a igualdade de atención aos veciños para que todos contasen con sistemas de depuración, permitiría preservar o medio ambiente e o territorio evitando os vertidos de augas residuais e podería contribuír a mitigar ou conter as dañinas pragas de moscas que aparecen nos verán sao reducir os focos de residuos”.