O grupo municipal do PP de Tomiño anuncia o seu rexeitamento ao proxecto de Orzamentos Municipais 2024 presentado polo goberno nacionalista na Comisión de Asuntos Plenarios e que se abordará pola corporación a vindeira semana.
Os populares xa adiantaron o seu voto na comisión, “porque non podemos apoiar en ningún caso unhas contas continuístas, que afondan nos moitos erros cometidos polo executivo nestes anos, que non espertan ningunha ilusión nin esperanza ata roldar o pasotismo” e que ademais recollen uns investimentos “irrisorios, pírricos e que non cubren nin de lonxe as necesidades dos veciños”.
Neste senso, os populares lamentaron que os Orzamentos Municipais só contemplen 571.000 euros en investimentos, “xa que supón catro veces menos que os preto de 2 millóns de euros do veciño Concello do Rosal malia que os duplicamos en poboación”. “Xa nos imaxinamos que incluso van presumir de que subiron esta contía desde os lamentables 450.000 euros do presente ano, pero iso simplemente supón seguir conformándose con cifras irrelevantes, e tamén falarán de que son con fondos propios, pero aos veciños non lle importan de onde se consigan os cartos e o BNG de Tomiño non ten capacidade, lamentablemente, para negociar con ningunha administración para atraer investimentos”, sinalaron desde o PP local.
A voceira municipal, Lara Meneses, tamén afondou na análise das contas sinalando que “non é de recibo que diminúa a partida de fomento do emprego ata os 252.000 euros e que só adiquen 163.000 euros ao comercio e Pemes, dos cales tamén nos gustaría saber cantos se centran no Mercado, que imaxinamos que a inmensa maioría, deixando esquecido ao resto do sector”. “Estas dúas partidas tan fundamentais e estratéxicas supoñen, en conxunto, menos dos 416.000 euros de gastos en órganos de goberno que, neste caso si, medran nun 14% con respecto a este ano”, detallou a concelleira popular.
Por outra banda, Meneses tamén lamentou o «estancamento doutras partidas fundamentais para a atención aos veciños, como a de Servizos Sociais, ou para a dinamización, como a de Cultura, que practicamente calcan as cifras do presente 2023 malia os efectos da inflación».
“É un proxecto de orzamentos máis propio dunha xestoría que dun Concello, xa que entran uns ingresos, de 9 millóns de euros e grazas a unha suba de 266.000 euros na recadación de impostos, e colócanse de tal xeito para facelos cadrar cos gastos, que só entre persoal e corrente roldan os 8 millóns de euros. Pero non se perciben por ningún lado nin políticas activas, nin liderado, nin dinamización, nin proxectos estratéxicos, nin nada do que precisan os veciños e os sectores produtivos de Tomiño”, concluíu a voceira.
