O grupo municipal do PP de Tomiño vén de expresar a súa “absoluta solidariedade” coas protestas e mobilizacións dos traballadores do Concello polas que reclama, entre outras cuestións, a aprobación de melloras salariais, polo que vaille pedir ao goberno nacionalista que abra un proceso de negociación “para corrixir todas as arbitrariedades e discriminacións” que se están a producir co persoal municipal.

Os populares anunciaron que van presentar unha iniciativa plenaria sobre esta cuestión na sesión do próximo xoves 26, baixo o formato de rogo, xa que estiman que o malestar dos empregados públicos, plasmado nunha concentración diante do consistorio esta mesma semana, “confirma a política autoritaria e de imposición do executivo de Sandra González nesta materia, así como seu maltrato aos dereitos do persoal”.

Ao BNG enchéselle moito a boca falando da clase traballadora, dos seus dereitos e dos salarios dignos, pero fano só por puro postureo e por estratexia política cando queren atacar ás administracións rexidas polo PP. Este caso demostra e confirma que son simples palabras baleiras, xa que, cando poden aplicar o que supostamente defenden, fan exactamente o contrario e teñen ao persoal de Tomiño machacado malia que fai un grandísimo traballo”, manifestou a voceira municipal, Mónica Otero.

O PP tomiñés concorda plenamente coas demandas dos traballadores do Concello, xa que detecta falta de respecto aos seus dereitos, inexistencia de diálogo e negociación por parte do executivo do Bloque, imposición dos seus criterios, falsas promesas, salarios escasos, discriminación económica entre os traballadores, falta de axuste entre as percepcións e as tarefas desenvolvidas e repartos arbitrarios e discrecionais polas produtividades.

Cremos que é un caso claro no que se lle ven todas as costuras ao goberno local e que demostra o seu verdadeiro talante. Compartimos todas as queixas do persoal e ademais as mesmas deben estar moi xustificadas porque a CIG, que é un dos tres sindicatos convocantes das protestas, non é unha organización moi proclive, polos motivos que todos coñecemos, a criticar a un goberno do BNG”, concluíu a edil.