No día de fin de ano, por decisión da operadora RENFE, a estación de tren de Guillarei, así como as de outras localidades próximas da provincia coma a de Redondela e moitas outras na nosa Comunidade Autónoma, coma Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro ou Ribadavia quedarán sen venta directa de billetes.

O Grupo Municipal do Partido Popular quere trasladar a súa frontal oposición a esta medida. A intención da operadora ferroviaria é substituír este servizo por unha máquina expendedora, complicando deste xeito aos usuarios a adquisición dos billetes de tren. Esta medida que é rexeitada totalmente polos usuarios desta terminal non pode xerar resignación na cidadanía, senón indignación fronte ao progresivo abandono deste servizo público en Tui.

Esta decisión, implica a perda dun novo servizo na estación de ferrocarril de Guillarei logo do desmantelamento do servizo de ferrocarril na nosa cidade. Xa a estación de Tui ficou sen servizo dende hai varios anos, perdendo a parada deste tren. Na actualidade o incremento dos fluxos de viaxeiros nesta liña, principalmente pola presenza de numerosos peregrinos, resulta máis necesario recuperar esta parada na cidade.

A Estación de Guillarei é un punto de referencia da rede ferroviaria da provincia, pero co peche da venda directa por parte de RENFE, «o que tristemente se persegue é o illamento dos veciños e a degradación dun dos principais nós de comunicación de transporte público da nosa localidade».

«Consideramos que esta medida implica un desmantelamento encuberto dunhas instalacións e dun servizo que ten perdido calidade nos últimos anos. Coa adopción desta medida a pretensión final que parece perseguir é a paulatina eliminación destas estacións e a conseguinte degradación das zonas rurais», sinalan dende o PP de Tui.

«A decisión da dirección de RENFE, e en última instancia do Goberno Central, é asestar un grave golpe ao servizo ferroviario en Tui, baseándose en supostos criterios económicos», indican.

Son moitos os tudenses que empregan o servizo de ferrocarril dende a Estación de Guillarei por resultar un enlace clave para todos aqueles veciños que empregan a cotio o tren como principal medio de transporte nos seus desprazamentos. De xeito especial as persoas maiores que carecen as veces doutros medios de transporte, así como os xoves que se trasladan a cidades como a de Ourense para cursar os seus estudos. Pero esta medida afecta non só aos veciños de Tui senón tamén da nosa contorna e mesmo do Norte de Portugal que empregan esta estación como punto de acceso ao ferrocarril nos seus desprazamentos por España.

«Dende o grupo municipal do Partido Popular, entendemos que é preciso o mantemento deste servizo de venta directa e anticipada de billetes para garantir e preservar en igualdade de condicións a calidade dos servizos públicos dos cidadáns. Eliminar a atención presencial na Estación de Guillarei, supón ir en contra dos principios de mantemento de servizos de calidade e proximidade aos cidadáns do rural, e isto debe primar sobre os obxectivos económicos«, afirman.

«A repercusión directa e máis probable do peche da billeteira de venda directa na Estación de Guillarei será o progresivo desmantelamento e posible futuro peche do servizo. Si pola contra se quere mellorar a calidade e non poñer en perigo a continuidade deste servizo en Tui, debemos manter un servizo tan esencial para a cidadanía como é a venda directa e anticipada de billetes. Non se pode consentir unha perda de servizo en forma de recortes de persoal«, apuntan.

«Entendemos que esta Corporación como representantes que somos da cidadanía tudense, debemos defender as peticións que os nosos veciños nos demandan, e polo tanto que debe manterse o servizo de venda directa de billetes na Estación de Guillarei e como xeito ademais, de incentivar o emprego deste importante medio de transporte«, sinalan.

«Así mesmo, dende o Grupo Municipal do Partido Popular non podemos maís que denunciar o desleixo do Goberno Bipartito Municipal e dos Grupos Municipais que o conforman, que neste asunto se mostran inmensamente pasivos ante este grave problema, e solicitamos encarecidamente que o Alcalde, en particular que non faga seguidismo político e se enfronte ao Goberno Central en defensa dos intereses da veciñanza, demostrando que son máis importantes os veciños de Tui que defender a cor política, e as decisións erróneas do Goberno Socialista de Madrid«, declaran.

Por todo o exposto, o grupo municipal do Partido Popular presenta ao Pleno da Corporación para debate e aprobación, se procede, a adopción dos seguintes acordos:

Primeiro:

  • Que se inste coa máxima inmediatez a revocación da supresión da venda presencial de billetes na Estación de Guillarei para que se manteña este servizo ferroviario de atención aos viaxeiros, imprescindible para os usuarios da mesma.

Segundo:

  • Para a efectividade do punto anterior, que por parte do Sr. Alcalde, como Presidente desta Corporación e como máximo representante do Goberno Municipal, adopte tódalas medidas ao seu alcance para impedir o peche da atención presencial na Estación de Guillarei realizando ante RENFE e o Ministerio de Fomento tódalas xestións oportunas para alcanzar o fin deste acordo en defensa dos intereses propios da nosa veciñanza e resto de usuarios.

Terceiro:

  • Instar ao Goberno Municipal para que reclame amais unha mellora da calidade dos servizos ferroviarios no noso municipio solicitando que o Tren Celta (Vigo – Porto) volva a ter unha parada na nosa cidade para servizos dos cidadáns, de visitantes e especialmente de peregrinos.