ALFREDO

O Grupo Municipal do Partido Popular de Tui quere expresar a súa sorpresa pola noticia que figura hoxe nos medios de comunicación sobre o proxecto de navegabilidade do río Miño presentada onte en Monçao e onde o Concello de Tui carecía de representación. Neste acto participaron os municipios de Salvaterra, Monçao e Valença asi como a Xunta de Galicia e Turismo Porto e Norte faltando unicamente a presenza do Concello de Tui.

Nunha nova oportunidade queda en evidencia a inexistencia dunha xestión turística na nosa cidade, destinada a promover concursos fotográficos de nulo interese ou crear unhas letras turísticas de “Tui” que permaneceron ocultas na oficina de Turismo case todo o verán pola súa infima calidade.

Pero agora cando se trata de abordar un proxecto de grande interese como é a creación de rutas fluviais polo río Miño cun investimento superior a 1,1 millón de euros o Concello de Tui está ausente, nin o Alcalde, nin o Concelleiro de Turismo nin ningún outros dos cinco concelleiros con soldo a cargo do Concello tiveron interese en asistir á presentación dun proxecto de colaboración transfronteiriza de indubidable proxección.

O turismo e un tema estratéxico para Tui, que como comprobamos co caso do Camiño de Santiago ofrece enormes potencialidades para o desenvolvemento socio-económico. A creación de novas ofertas turísticas e especialmente o relacionado coa promoción do río Miño e a cooperación nesta materia cos concellos transfronteirizos abre novas posibilidades e expectativas. Lamentablemente o goberno municipal tudense está ausente proxectando unha imaxe penosa da nosa cidade, de desinterese, de falta de planificación estratéxica, de ausencia nas decisións que poden significar un progreso para a nosa cidade.

O grupo municipal de Partido Popular lamenta esta ausencia do goberno municipal que nun tema estratéxico para Tui, como é a promoción turística, demostra está falta de interese e de xestión. Agardamos que polo responsable da concellería de Turismo ou polo Alcalde, como máximo responsable do goberno municipal, se dean as explicacións precisas e se fagan as xestións pertinentes para que Tui participe activamente neste proxecto de importancia estratéxica para o sector turístico tudense, que é un dos mais importantes economicamente para a cidade.