ALFREDO

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Tui presentará no vindeiro Pleno Municipal unha moción para a creación dun centro de día de titularidade municipal na cidade.

Os Centros de Día son na actualidade un importante servizo de proximidade para as persoas maiores dedicados ao seu mantemento e coidado, especialmente no caso de persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela.

Este recurso social é o mellor marco para a práctica terapéutica coas persoas potencialmente necesitadas dunha atención especializada e para o apoio ás familias coidadoras, promovendo a máxima que orienta todas as políticas sociais actuais neste sector, a do mantemento das persoas maiores no seu contorno, así como nas súas familias

Os Centros de Día defínense como centros xerontolóxicos socio-terapeúticos e de apoio ás familias que durante o día prestan atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no contorno habitual.

A poboación de Tui con idade superior aos 60 xa representa una alta porcentaxe, en torno ao 25 % dos nosos habitantes, co que a necesidade de contar cun servizo destas características resulta xa unha necesidade que a curto prazo debe acometer o concello tudense. O proceso de envellecemento da poboación tudense implica a necesidade por parte das Administracións Públicas de ofrecer aos seus cidadáns os servizos públicos que garantan unhas axeitadas condicións de vida. Entre estes servizos os centros de días como lugares de coidado dos nosos maiores resultan prioritarios.

Amais para manter a necesaria convivencia interxeracional nas familias un centro de día é unha peza básica para a conciliación da vida laboral e familiar.

En consecuencia, o Grupo Municipal do Partido Popular solicita ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte Acordo:

1.- Iniciar os trámites para a solicitar á Xunta de Galicia a creación no noso municipio dun Centro de Día para os nosos maiores.

2.- Proceder polos servizos técnicos municipais a valorar a parcela o inmoble máis idóneo que o Concello de Tui pode ofertar para facilitar a creación deste Centro de Día.