O grupo municipal do PP de Tui segue mantendo a súa proposta para a construción dun aparcadoiro público en altura na parcela de titularidade municipal emprazada na parte traseira da Praza de Abastos para solucionar a falla de prazas de estacionamento no centro urbano.
O voceiro municipal, Nico Montes, que lamentou que o Goberno local socialista «perdera catro anos co fracasado e errado proxecto na zona traseira da Área Panorámica –que aínda está pendente de resolución coa empresa adxudicataria, pero chegou o momento de mirar cara adiante entre todos os que representamos a Tui con esta proposta, que ofrecemos cun ánimo en positivo porque consideramos que é o mellor para a cidade e para os tudenses”.
“Dixemos que víñamos a aportar construtivamente para o noso concello desde o primeiro día no lugar no que nos colocaran os veciños, e así o facemos, dende a oposición, con absoluta responsabilidade, poñendo sobre a mesa unha alternativa seria, realista e viable ao endémico problema de aparcamento que ven sufrindo Tui nos últimos anos”, explicou o concelleiro popular.
Nico Montes revelou que esta proposta de aparcadoiro público en altura contaría cunhas 250 prazas e caracterizaríase por ser “máis económica, máis sostible e de execución moito máis rápida” que un aparcadoiro soterrado.
“Todo elo permitiría que a titularidade e a xestión fosen públicas, levadas directamente dende o Concello sen ningún réxime de concesión, polo que a administración local podería determinar tarifas máis económicas, beneficiando así aos tudenses e visitantes, e incluso habilitar franxas gratuítas para favorecer as compras no noso comercio local e de proximidade”, indicou o voceiro popular, que agradeceu ao BNG valorara positivamente esta localización.
Desde o PP de Tui tamén engadiron que, ademais da proposta construtiva en altura, o emprazamento na traseira da Praza de Abastos “é determinante”, xa que se atopa practicamente no centro neurálxico da cidade, nas proximidades do centro de saúde e da zona máis comercial, “polo que pode favorecer moito as compras e a dinamización económica deste sector”.
Así mesmo, salientaron que se trata dun “enclave estratéxico, xa que cremos que no futuro esa contorna vai ser fundamental no desenvolvemento da cidade se se aposta prioritariamente pola cubrición das vías do tren e a urbanización da rúa Maristas ata a Finca da Lagarteira”.
Finalmente, Nico Montes sumou a esta proposta os beneficios que suporá a liberación dos terreos anexos á Área Panorámica, “que cremos que deben reorientarse na conversión dunha gran alameda arborada no centro urbano, como a que queremos impulsar dende o PP, e que permitiría ter un espazo verde e un punto de encontro da veciñanza que embelecería unha zona que é un triste exemplo de feísmo no corazón da cidade”.