Oficina de Turismo de Tui
FOTO CONCELLO // Oficina de Turismo de Tui

Dende hai un par de semanas a Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui ten adoptado un novo horario de apertura ao público: de martes a sábado de 09:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 16:30 horas.

O Grupo Municipal do Partido Popular congratúlase, por unha banda, da apertura desta Oficina Municipal de Turismo, pero lamenta o horario establecido pois «deixa sen atención ao público o domingo, o día en que a cidade recibe, nesta tempada baixa, un maior número de visitantes e que desta forma carecen do asesoramento deste servizo municipal».

En consecuencia, «reclamamos do goberno municipal de coalición entre o Psoe e En Marea unha modificación deste horario de apertura para que, respectando os dereitos dos traballadores, esta Oficina Municipal de Turismo estea aberta tódolos domingos e peche noutro día da semana en que, previsiblemente, a afluencia de visitantes á nosa cidade sexa moito menor«.

«Nunha nova oportunidade o concelleiro delegado de turismo amosa a súa escasa capacidade de xestión. Esta omisión da apertura dominical está na liña da improvisación doutras medidas anunciadas por esa concellería: unhas letras de grandes dimensións da cidade ou o marco para fotografía e selfies, que logo destacaron pola súa ínfima calidade e como en lugar de realizar unha promoción da cidade tiveron, no caso das letras, que ficar ocultas na oficina de turismo«, explican os populares.

«Unha improvisación e falla de xestión que podemos tamén evidenciar nas diversas exposicións que se realizan nesta Oficina Municipal de Turismo (recentemente de pintura) e que nin sequera figuran reseñadas na axenda de eventos do Concello de Tui», apuntan.