O grupo municipal do PP de Tui vén de realizar unha valoración desfavorable do primeiro ano de mandato do goberno socialista. O executivo encabezado por Enrique Cabaleiro é o responsable da “parálise” na que está sumida a nosa cidade. A súa falla de diálogo e a súa incapacidade para resolver e sacar adiante proxectos estratéxicos foron unha constante todo este ano.
O voceiro popular, Nico Montes, lembrou que o executivo de Tui conta, por primeira vez na historia da democracia, con cinco adicacións exclusivas, “que foi a única cuestión na que os socialistas estiveron preocupados por sacar adiante, polo que o balance que facemos é a dun exercicio perdido, na que non foron quen de materializar nin unha soa solución de aparcamento nin uns orzamentos».
En primeiro lugar, o concelleiro do PP lembrou que a primeira decisión de calado do goberno socialista foi rescindir o contrato de construción do aparcamento subterráneo na parte traseira da área Panorámica. Este proxecto, que aínda está en trámite, inclúe unha indemnización de 142.000 euros que a empresa considera insuficiente e que posiblemente terminará nos tribunais, esperando que non teña consecuencias máis graves para as arcas municipais. Nesta liña, Nico Montes, reiterou a necesidade de facer un estudo de tráfico que solucione o “caos circulatorio” no que está sumida a cidade, co conseguinte prexuízo e menoscabo ao sector do comercio local,.
Por outra banda, o voceiro municipal tamén lamentou que Tui sexa o único concello do Baixo Miño sen ter aprobados os Orzamentos Municipais 2024 “xa que o goberno socialista presentou unhas contas con moitísimo atraso, e negándose a negocialas cos demais grupos, incluído o seu socio preferente do BNG”. “A nivel económico temos un goberno que só se preocupou de aprobar os seus cinco soldos e de subir impostos aos veciños. Este executivo ten a dubidosa honra de carecer de planificación e de que toda a oposición, malia que somos partidos moi diferentes, non aprobase o seu proxecto de orzamentos”, concretou.
Nico Montes tamén se referiu á execución de obras, lembrando que o pouco feito neste ano vén do mandato anterior, pero que se caracteriza polo “descontrol, a mala planificación e o malestar veciñal que xeran”, entre outros exemplos temos a retirada das antigas lousas de pedra na rúa Antero Rubín, que tivo que ser revertida por orde de Patrimonio, ou polo “esperpento” que se está a acometer formigonando a travesía de San Domingos.
Finalmente, o concelleiro popular pediulle ao executivo socialista que rectifique de inmediato na súa actitude de “diálogo cero” cos tres grupos da oposición -que representan a 11 dos 17 concelleiros-, “xa que os socialistas néganse a negociar absolutamente nada, como se tiveran a razón suprema, cando a realidade, e así llo dixeron os veciños nas eleccións municipais, é que cada vez máis tudenses están en contra da súa xestión e deben deixar de actuar como se tiveran maioría absoluta, porque o único que están facendo é paralizando a nosa cidade e o seu desenvolvemento”.