Carlos Rodríguez

O grupo municipal do PP do Rosal vén de facer unha valoración moi negativa do proxecto de Orzamentos Municipais 2024 presentado polo bipartito, que se debaterá mañá no pleno, e lamentou que “xa só na portada, cunha contía á baixa fronte ás contas expansivas dos demais municipais, vese que son cativeiros, minguantes, que repiten os erros do pasado e que seguen a triste folla de ruta de converter ao noso Concello nun mini-Tomiño”.

O voceiro municipal, Carlos Rodríguez, lamentou que haxa «un descenso do orzamento do 2,3%«, o que suporá «que os orzamentos baixarán de 6,38 a só 6,23 millóns de euros, o que afondará e agravará a desatención aos veciños e ás necesidades do Concello”.

“Non entendemos a visión triunfalista do bipartito cando presentou estas contas, que son indignas no actual contexto xa que deixan aínda máis abandonados aos rosaleiros, e ademais, non se entende que descendan, que teñan menos cartos, co cal vanse facer menos cousas, cando o bipartito vén de aprobar un sablazo coa suba do IBI nun 29%”, explicou o concelleiro popular.

Carlos Rodríguez advertiu tamén que a situación económica do Concello do Rosal “segue condicionada pola mala xestión do Goberno local, xa que os activos descenden e os pasivos financeiros aumentan enormemente de 0 euros nas contas de 2023 e 342.000 euros nas do vindeiro ano, e a todo elo se engade a disparada débeda viva de 1,2 millóns de euros ao peche de 2022, segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda”.

Ademais, e xa no capítulo de gastos, o voceiro do PP indicou que “non responden para nada ás necesidades dos veciños e do Concello, xa que os investimentos redúcense en 370.000 euros e sitúanse por debaixo dos 2 millóns de euros. Vai haber un 16% menos de cartos que o presente ano para infraestruturas e equipamentos e, se xa neste exercicio non fixeron nada, con menos fondos os veciños poden agardar moi pouca cousa. Pero é que ademais o gasto corrente segue disparado, aumenta nun 4% e xa supera a partida de investimentos, que é algo inexplicable”, aseverou Rodríguez.

“Son unas contas sen pés nin cabeza, que diminúen malia subir impostos, que contemplan menos cartos para atender ás necesidades dos veciños e os investimentos necesarios aínda que aumenta a recadación fiscal. En definitiva, estamos posiblemente ante os peores orzamentos da historia do Rosal”, concluíu o voceiro municipal.