ALFREDO // Un autobús de la empresa ATSA

O Partido Popular do Val Miñor leva traballando no anteproxecto de explotación do Plan de Transporte público de Galicia para a comarca do Baixo Miño e sur da Comarca de Vigo, dende que o pasado 23 de xullo saíra publicado no Doga.

Os voceiros populares manifestan que “no estudio que estamos facendo están recollidas varias das peticións que lle comunicamos ó xefe territorial e Infrestruturas e Mobilidade José Luis Díaz, pero ó mesmo tempo estamos atopando algunhas carencias polas cales imos presentar esta semana as alegacións, unha vez que rematemos co estudio pormenorizado do documento”. Para cubrir ditas carencias van presentar unha liña que comunique os tres concellos do Val para que os veciños teñan un bo acceso a servicios básicos como o Inem, a Seguridade Social, piscina mancomunada, centros de saúde, centro de día, etc.

No escrito que están redactando os populares, van propoñer ó servicio de Mobilidade da Xunta de Galicia necesidades dos veciños do Val Miñor, con actuacións e modificacións concretas ó anteproxecto do Plan de Transporte que consideran viables, así como correccións de algúns aspectos que quedaron mal redactados no documento. Así mesmo, van pedir ó director xeral de Mobilidade que amplíe en 20 días mais o prazo para presentar alegacións ó documento e que todos os veciños teñan a posibilidade de presentar tódalas propostas que consideren oportunas para conseguir mellorar o documento.

Entre as propostas que o Partido Popular está estudando, e que incluirán no escrito de alegacións, está a solicitude dunha parada nas inmediacións da Praza América, Povisa e Praza de España en todas as liñas que enlazan o Val Miñor con Vigo.