O presidente provincial do Partido Popular, Luis López, e a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, acompañaron esta mañá ao candidato á alcaldía do Rosal, Carlos Rodríguez, nun paseo polo centro do concello, no que aproveitaron para explicar o proxecto dos populares para este concello. 

Luis López destacou que «Carlos e o PP son o Goberno que O Rosal necesita, un goberno cun proxecto propio para este concello, feito desde e para O Rosal, e que inclúe respostas aos principais problemas e prioridades que teñen os veciños, tras catro anos dun Goberno nacionalista que converteron ao municipio nunha parroquia máis de Tomiño, con grandes deficiencias, falta de xestión e de iniciativa«.

Pola súa banda, Carlos Rodríguez sinalou que o PP do Rosal inclúe no seu programas proxectos realistas que poidan xerar oportunidades para todo o municipio. «En materia de educación, inclúe mellorar os centros escolares e xestionar a implantación de novos ciclos formativos. Tamén aposta por facilitar á Xunta de Galicia os trámites para remodelar ou ampliar o Centro de Saúde e habilitar un aparcamento próximo, e consolidar e mellorar o servizo de axuda no fogar», dixo o candidato a alcaldía do Rosal.

A nivel cultural, comprométense a recuperar as Festas do Pilar no mes de outubro e de xullo e a Feira do libro, entre outros actos, e recuperar e ampliar as actividades que ofertaba o concello para a veciñanza. «En materia de turismo, hai abrir e consolidar rutas e fomentar o turismo sostible, ademais de reabrir as oficinas de información. Tamén aspiramos a iniciar as xestións para crear vivendas de protección oficinal neste concello e crear novos espazos verdes en diferentes lugares, así como mellorar e modernizar as infraestruturas deportivas, entre outras medidas», rematou Carlos Rodríguez.