Este mediodía tivo lugar no salón de actos da Aula da UNED, no antigo convento de San Domingos, a Clausura do I Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui “Tui Emprégate 2018-19”, que se celebrou dende outubro do ano pasado.
O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Formación e Emprego, Ana María Núñez.
Cabaleiro destacaba os Programas Empregados de Emprego coma “ferramentas necesarias e útiles” e destacaba a súa importancia para pór en contacto as empresas cos demandantes de emprego. O rexedor avanzaba o compromiso da administración municipal para seguir traballando en desenvolver os mecanismos do fomento do emprego.
A concelleira de Formación e Emprego, Ana María Núñez, na súa intervención dirixíndose aos participantes no programa indicaba que “hoxe non acaba nada, senón que empeza” en referencia a que os coñecementos adquiridos nos últimos meses lles permitirán afrontar a incorporación a un mercado laboral cambiante. Insistía nese senso en que “contáis coas ferramentas que os permite estar máis cerca do voso obxectivo”. Agradeceu tamén á Consellería de Economía, Emprego e Industria que siga confiando no Concello de Tui tras a concesión dun novo Programa Integrado de Emprego que se pon en marcha de xeito inmediato.
Na clausura de hoxe tanto alcalde coma a concelleira de Formación e Emprego agradeceron a implicacións das técnicas do programa que se incorporaron o pasado mes de xullo, coma das persoas participantes.
Este Programa Integrado de Emprego acadou unha inserción do 68% no mercado laboral ao longo do programa. Estes resultados acadados superan o 45% fixado coma obxectivo no programa segundo o establecido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que financia o programa xunto co aporte do propio Concello.
Así, 68 das 100 persoas participantes que participaron en Tui Emprégate se incorporaron ao mercado laboral en empresas do sector da automoción, servizos á comunidade, comercio e alimentación, hostalaría… Amais 3 persoas iniciaron o seu propio proxecto empresarial e 5 teñen en mente un proxecto emprendedor polo que levaron a cabo unha formación específica en emprendemento elaborando un proxecto que lles servirá de apoio para poder materializalo.
O I Programa Integrado de Emprego púxose en marcha o 2 de novembro do 2018 e rematará mañá xoves, 31 de outubro. En Tui Emprégate participaron un centenar de persoas en situación de desemprego de diferentes colectivos e perfís como menores de 30 anos, persoas en risco de exclusión social, persoas con discapacidade, desempregados/as maiores de 45 anos e mulleres vítimas de violencia de xénero…
As actividades arrancaron cun diagnóstico ocupacional de cada participante para, posteriormente, enfocar os perfís cara a 3 itinerarios concretos de formación que foron: Industrial, Comercio e Servizos á Comunidade. Dentro deste último itinerario, levouse a cabo unha formación orientada a obtención do certificado de profesionalidade en Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións. En total realizáronse 1.650 horas de formación, divididas en formación cualificada e formación transversal.
Entre a formación cualificada, cun número total de 1.101 horas, impartíronse accións formativas de maquinaria de manutención, plataforma elevadora, manexo de TPV, limpeza con maquinaria industrial ou acondicionamento de espazos comerciais. Mentres nas 559 horas de formación transversal centrada en coaching, informática básica, mobilidade laboral, obradoiros de entrevistas… Das 50 accións formativas realizadas 42 tiveron lugar de forma presencial e 8 online. Outras da cifras deste programa son as 92 empresas contactadas, 520 intermediacións laborais realizadas, a aposta pola conciliación laboral, e o regreso aos estudos de 7 persoas matriculadas en ciclos formativos, 2 na universidade e 8 que preparan as probas para a obtención do graduado en ESO.