O Concello de Tomiño levará este xoves a pleno o inicio dun expediente de expropiación dunha casa indiana, situada a carón da Praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, catalogada coma edificio dotacional público no PXOM (Plan Xeral de Ordenación Urbana. Modificación Nº 8) e propiedade na actualidade da entidade A Banca.
Outra das razóns pola que é necesaria a titularidade da devandita casa indiana é a concesión dunha subvención do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) de máis de 1.000.000 de euros para a humanización da praza de Goián, para cuxa realización requírese a ocupación dos terreos afectados. Este proxecto atópase neste momento en fase de adxudicación, e as obras comezarán a levarse a cabo no primeiro trimestre do ano próximo.
O Concello agarda poder evitar a expropiación forzosa, chegando antes a un acordo coa entidade bancaria propietaria actual do inmoble, situado a carón da praza, entre o colexio e a Aula Antonio Fernández.
Coa mesma finalidade, o Concello procedeu hai un tempo á adquisición de tres garaxes anexos á casa indiana cuxo expediente de expropiación lévase a pleno mañá xoves.
Na mesma sesión, de carácter ordinario (ás 20.30 horas no Salón de Plenos), trataranse outros seis puntos, máis unha moción de urxencia presentada polo BNG, sobre a problemática que sufre o Centro de Saúde de Tomiño dende hai varios anos, pola falla de médicos, grandes retrasos na concesión de citas, non cobertura das baixas de persoal, etc.
Orde do Día
- Aprobación da acta da sesión anterior.
- Expediente 2267/2019. Modificación de Crédito.
- Expediente 2250/2019. Procedemento Xenérico.
- Expediente 2203/2019. Expropiacións Forzosas.
- Expediente 1661/2019. Bonificación ou Exención Tributaria.
- Dar conta das Resolucións da Alcaldía.
- Rogos e preguntas.
