Por segundo ano, Cruz Vermella e a Xunta de Galicia sacan adiante o proxecto “O teu Xacobeo”. Con esta iniciativa búscase fomentar a inclusión e participación activa dos colectivos que atende a ONG: voluntariado, xuventude, persoas maiores, inmigrantes…, potenciando o valor do Camiño de Santiago. A iniciativa está promovida e financiada pola Xunta de Galicia e conta cunha aportación de 15.500 euros.

Os participantes percorreron diferentes variantes do Camiño, pasando polos concellos de Pontevedra, Tui, Catoira, Cambados e a Illa de Arousa, entre outros. Foron un total de 14 saídas repartidas entre o 15 de maio e o 25 de setembro de 2021. As últimas saídas fixéronse este venres e sábado, o sábado sairá un autobús dende A Guarda rumbo a Santiago para xuntarse cos grupos de Vigo e Ponteareas, e dar peche á edición.

O proxecto tivo moita aceptación por parte dos participantes : “La salida fue estupenda. Repetiría, me gustaría seguir haciendo el camino, así, por etapas. Ir haciendo otros 5 o 6km, hasta terminar el camino”. Comentaba unha das participantes usuarias do programa de persoas maiores.

Outra das participantes, neste caso do programa de inclusión, facía fincapé nas ganas que tiña de seguir coñecendo a zona, xa que por motivos do COVID-19 esta era a súa primeira saída turística: “A mí me ha parecido una experiencia realmente maravillosa, ya que yo llevo un año y medio acá, llegué cuando estaba iniciando la pandemia y esta es mi primera salida turística para conocer de las maravillas que tiene Vigo y sus alrededores. Estoy encantada y espero que me sigan invitando y avisando de las actividades que hay.”

O obxectivo destas saídas é potenciar o valor do Camiño de Santiago como unha oportunidade de participación social que promova o valor cultural de Galicia, a través de hábitos de vida saudables, protexendo o entorno e promovendo espazos de ocio alternativos e interacción social, así como a inclusión dos colectivos vulnerables e o seu acceso a os recursos de ocio, culturais e de patrimonio coma o resto de cidadáns.

Dentro deste marco, e como actividade para finalizar a edición, dende a Xunta e Cruz Vermella organizaron un concurso de debuxo para todos os usuarios da ONG, co que pretenden dar a coñecer o rico  patrimonio que ofrece o Camiño de Santiago.

A temática é o Ano Xacobeo e o Camiño de Santiago a través do cal pretenden que os participantes dean a súa visión do Camiño. A técnica artística a empregar é de libre elección e as categorías para participar divídense por rangos de idade: infantil (6-12 anos), xuvenil (13-18 anos) e adultos (maiores de 18 años). Os gañadores recibirán un obsequio e as obras gañadoras serán publicadas no calendario de Cruz Vermella do próximo ano.

Durante o ano 2019 desenvolveuse a primeira edición deste proxecto, no que participaron 434 persoas pertencentes aos distintos colectivos que atende a organización chegadas dende todas as asembleas comarcais de Cruz Vermella na provincia, igual que na segunda edición: Baixo Miño, O Condado, Vigo, Redondela, O Salnés, Tabeirós-Terra de Montes, Lalín e Pontevedra. O proxecto tivo unha gran acollida, e realizouse seguindo as pautas e normativas por COVID-19, gardando a distancia social necesaria para no poñer en perigo a ningún dos participantes.

Para inscricións ou máis información sobre as actividades levadas a cabo en Cruz Vermella Pontevedra podes contactar a través do Facebook provincial “Cruz Roja Española en Pontevedra”, chamando a túa asemblea local ou a través da páxina web da Cruz Vermella.