Segundo o PSdeG-PSOE a única asignación para A Guarda dos orzamentos da Xunta de Galicia para a vila para o próximo ano será de 50.000 euros para o vial de acceso ao porto.

«A pasada fin de semana recibimos do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE os orzamentos da Xunta para que puidésemos estudalos e presentar as nosas propostas de emenda, e segundo a documentación, a única asignación para A Guarda son eses de 50.000 euros», sinalan socialistas guardses .

No último pleno ordinario de setembro, o Partido Socialista presentou unha moción para instar a Carrero a reactivar de forma urxente o proxecto da saída sur ao porto, «que o alcalde tiña esquecido nun caixón dende a súa chegada ao cargo«. A moción foi aprobada por unanimidade, «polo que Carrero tiña que poñerse as pilas e comezar a petar portas, tanto na Xunta como na Deputación, para conseguir o financiamento necesario para levar a cabo a obra», din os socialistas.

Explican que a parte máis complicada do proxecto, que consistía en lograr que a Deputación redactase o proxecto e obter todas as autorizacións sectoriais favorables, xa fora completada polos socialistas. «Agora, ao actual equipo de goberno só lles resta conseguir os fondos para executar a obra», matizan.

«De momento parece que a recolecta de cartos non vai demasiado ben, xa que só contamos con eses 50.000 euros da Xunta, unha cantidade insignificante tendo en conta que o custo total da obra ascende a máis de 1.700.000 euros», apuntan.

Rematan os socialistas guardeses que «Carrero é un alcalde ineficaz para xestionar o Concello no día a día, pero tamén demostra ser incapaz de atraer investimento para a nosa localidade, nin sequera cando o seu propio partido goberna na Xunta. En resumo, con Carrero na alcaldía e o PP na Xunta, o futuro que nos agarda nos próximos tres anos pinta moi, pero que moi negro».