O Grupo Municipal Socialista presentará este xoves no Pleno do Concello de Oia tres mocións centradas en cuestións estratéxicas para o municipio: a retirada da simboloxía franquista do edificio consistorial, a inclusión das parroquias de Burgueira e Loureza na Denominación Xeográfica Protexida Rías Baixas, e a participación de Oia na moción comarcal para reclamar á Xunta un transporte público digno, eficiente e acorde ás necesidades reais do Baixo Miño.

1. Retirada da simboloxía franquista do Concello de Oia

A primeira moción solicita que se cumpra a Lei 20/2022 de Memoria Democrática e se proceda á eliminación dos símbolos franquistas presentes na fachada do edificio municipal, concretamente o escudo do “Yugo y las Flechas” e a inscrición JAM (Juntas de Actuación Municipal), elementos explícitos de exaltación da ditadura e contrarios á normativa vixente.

O PSdeG lembra que a lei obriga ás institucións públicas a retirar estes símbolos salvo que haxa razóns artísticas ou arquitectónicas excepcionais —circunstancia que non se dá neste caso— e subliña que a súa permanencia “resulta incompatible cos valores democráticos e coa dignidade institucional que debe representar o Concello de Oia”.

2. Inclusión de Burgueira e Loureza na D.X.P. Rías Baixas

A segunda moción reclama que o Concello solicite á Consellería do Medio Rural a iniciación do expediente para incorporar as parroquias de Burgueira e Loureza á Denominación Xeográfica Protexida Rías Baixas, subzona O Rosal.

O PSdeG destaca que ambas parroquias contan cunha tradición vitivinícola milenaria, que quedaron excluídas da D.X.P. nos anos 80 sen xustificación clara e que hoxe numerosos concellos, incluíndo Gondomar e Catoira, xa foron incorporados.

A inclusión permitiría:

  • Revalorizar as terras agrícolas.
  • Facilitar a venda de uva ás adegas da denominación.
  • Participar en cooperativas vitivinícolas da subzona do Rosal.
  • Impulsar novas plantacións e actividade económica no Val do Tamuxe.

3. Moción comarcal para unha mellora urxente do transporte público

A terceira moción preséntase de forma coordinada polos grupos socialistas de A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, e reclama unha intervención inmediata da Xunta para resolver as graves deficiencias do transporte público no Baixo Miño.

O texto —baseado nos datos dunha enquisa comarcal— evidencia problemas estruturais: frecuencias insuficientes, conexións deficientes con Vigo, o CUVI e os hospitais de referencia, autobuses saturados e dificultades nas parroquias con menor poboación.

As principais demandas inclúen:

  • Reforzo de frecuencias en laborables e fins de semana.
  • Liñas directas cos hospitais e o CUVI.
  • Servizos a demanda nas parroquias con menor mobilidade.
  • Mellora da accesibilidade e información en tempo real.
  • Mecanismos de control e sanción ás concesionarias en caso de incumprimentos.
  • Creación dunha Mesa Técnica Comarcal coa Xunta, concellos e empresas para avaliar e planificar melloras.

O PSdeG subliña que unha mobilidade digna é esencial para garantir o acceso á sanidade, educación, emprego e servizos públicos. “O PSOE de Oia traballa por un concello máis xusto, máis moderno e máis humano”.

O portavoz socialista, José Antonio Olmedo, sinala que estas tres mocións “reflicten o compromiso do PSdeG–PSOE cun municipio que mire ao futuro, que respecte a súa memoria, que coide o seu patrimonio produtivo e que asegure servizos públicos en igualdade de condicións para toda a veciñanza”.