O goberno do Partido Popular da Deputación de Pontevedra ten que deixar de poñerse de costas aos concellos da provincia e esquecerse da política de parches e de pequenos plans cando se trata de dotar de recursos ambiciosos a alcaldes e alcaldesas que están a ter cada vez máis dificultades para poder enfrontar investimentos transformadores dos seus municipios.
Así se pronunciaron hoxe as deputadas e deputados do Grupo provincial socialista que, acompañados do secretario xeral do PSdeG-PSOE, David Regades, insistiron na urxencia de que a institución lance “dunha vez e por todas” un Plan Extraordinario e ambicioso que dote con recursos de verdade aos concellos “e máis, cando hai cartos de sobra para poder facelo sen que supoña un problema para a Deputación”.
David Regades lamentou a dilación do goberno de Luís López en poñer en marcha este plan “sobre todo cando os concellos están cada vez peor, tendo que asumir un pau tras outro desde a Xunta de Galicia como os novos sablazos do canon de Sogama, o imposto da auga, a infrafinanciación autonómica do SAF ou a permanente negativa de incrementar o Fondo de Cooperación Local”.
O líder socialista, que informou que “hoxe mesmo temos remitido unha carta a todos os alcaldes e alcaldesas da provincia”, sinalou que “isto non vai de cores políticas, isto vai de concellos, tamén os do PP, que temen unha situación moi seria de risco financeiro que, lamentablemente, van sufrir as súas veciñas e veciños. A Deputación ten moitas opcións de corrixir esta problemática e está obrigada a facelo”. Regades apelou directamente ás deputadas e deputados populares, “moitos deles alcaldes e alcaldesas, que saben que temos razón. Como van a explicar á veciñanza dos seus pobos que están en contra de que reciban máis recursos?«, preguntou.
A portavoz na institución provincial, Ana Laura Iglesias, lembrou que o grupo socialista xa advertiu no pasado mes de maio da necesidade de lanzar este Plan Extraordinario, con criterios obxectivos, transparencia e equidade, “sen encontrar acollida no goberno do PP que, por enriba, votou en contra na moción que levamos a pleno. Agora, dixo, xa non poden deixar pasar máis tempo, a situación é urxente”.
Iglesias recordou que a situación económica da Deputación de Pontevedra permite a posta en marcha deste plan extraordinario porque “a herdanza que deixou o anterior goberno socialista foi boa. Case 200 millóns de euros en caixa, recoñecidos polo departamento de Intervención que confirmou remanentes por 208 millóns na pasada primavera”. «Non hai escusa para non lanzar este plan, sentenciou. Se seguen sen querer facelo é unicamente por falta de vontade política e van ter que explicalo”.
A portavoz lembrou tamén os sucesivos plans extraordinarios que o anterior goberno do PSdeG puxo en marcha nos seus oito anos na institución, máis aló do Plan Concellos. “O Picei, o Plan de Reequilibrio, o DepoRemse, o ReacPON ou o PON2030, plans que por certo seguen sendo os únicos que tiran da actividade da Deputación, dotaron aos municipios de equipamentos e infraestruturas que transformaron a provincia. Foron 151 grandes actuacións cun investimento de 115 millóns de euros, que estimularon a economía das empresas e potenciaron o emprego. Se nós podemos facelo, eles agora tamén poden, salvo que non queiran”.