Segundo os socialistas, «o Concello de Baiona remata o verán cunha forte suba de impostos. O afán recadatorio do goberno local fai que os veciños paguen máis».

Afirman que este mércores, o PP de Baiona leva a pleno a modificación da ordenanza do IBI, «que vai supoñer que os baioneses paguen ata 277.837€ a maiores para un total de 3.056.214€ que recadará o Concello a través de dito imposto».

«O argumento é que se leva anos sen modificar a ordenanza, polo que hai que subilo. ¿Para que? Para seguir subindo os seus soldos, para privatizar os servizos ou para pagar as nefastas festas do Carme e da Anunciada xestionadas polo señor Almuiña«, advirten.

Dende o PSOE indican que cunha Baiona sen futuro, os baioneses «temos que prepararnos porque isto non vai quedar aquí. Antes de rematar o ano, tamén teremos que facer fronte á suba do imposto do lixo porque así o quere o Partido Popular de Baiona e o Partido Popular de Galicia, os cales impoñen unha suba de máis do 60% cun custo medio de 108€ por tonelada, aproximadamente, que se verá reflectida na factura de todos».

Dende o principal partido da oposición xa critican esta medida, «posto que o Concello recibiu xa arredor de 500.000€ a maiores do goberno central que permitiron aumentar o Orzamento de 2024 para Baiona. Pero parece que non é suficiente para o alcalde, que atacando aos petos de todos os veciños, vai a recadar preto de 300.000€ máis».

O Partido Socialista votará en contra e coa seguridade de que «o señor Almuiña, unha vez máis, está a defender as súas siglas e intereses. Queda claro que para el primeiro é o Partido Popular e xa despois é Baiona».