O IBI sería o imposto que anualmente os concellos cobran aos cidadáns que posúen algún inmoble en propiedade e que comunmente chamamos “a contribución”. A subida que onte aprobou o PP e Espazo Común en pleno farase efectiva en 2024 e suporá un aumento dun 22% deste imposto, «de forma que unha persoa que no 2023 pagara de IBI unha cantidade de 150€, en agosto de 2024 pagará 183€«, aseguran so socialistas.

O Grupo Municipal Socialista votou «obviamente en contra desta medida, e votou en contra baseándose en dous motivos principais«:

  • Por un lado sabemos que para inxectar diñeiro no concello hai moitas outras vías que a subida dos impostos. Por exemplo, o actual equipo de goberno podería ter elaborado a estas alturas un novo orzamento para o 2023, cousa que non fixeron, e ademais estando en maioría, o que lles aseguraba sacalo adiante sen ningún tipo de problema. O que isto nos fai pensar é que o PP e Celso Fariñas, non levando nin 6 meses no Concello, teñen intención de gobernar A Guarda pola vía fácil e rápida: queremos ter máis liquidez no Concello, pois subimos os impostos á cidadanía.
  • Por outro lado é porque creemos que este non é o momento de subir impostos. As familias notan nos seus petos cada euro de subida, porque xa viviron a suba das hipotecas, os custos das enerxías e incluso, notaron o incremento de gasto na cesta da compra.
  • Está claro que para que poidamos ter servizos, todos debemos pagar impostos, e ás veces este teñen que subir, pero tamén é certo que para que os gobernos suban os impostos deben facelo con cabeza e sendo moi conscientes do momento en que se suben, e non no momento no que mellor lle veña ao equipo de goberno de turno.
  • Xa sabemos que gobernar un concello con máis diñeiro é máis doado que facelo con menos, pero pensemos en se resulta ético subir agora os impostos, para nós desde logo non o é.