Dende a Asociación Cultural XIDA, en colaboración co Concello do Rosal e a súa Concellería de Cultura, presenta a terceira edición do Festival Xente Xida. Festival musical de acceso libre e de balde o vindeiro 24 de xullo, ás 22:00 horas, na Praza do Calvario, O Rosal.

Ó redor de trinta grandes artistas pasarán polo escenario, grandes profesionais de primeiro nivel que farán bailar e cantar a todos os presentes:

  • Nadia Vázquez Trío une a tres músicos galegos: Fernando Estévez (Clarinete e Percusión),Martiño Malleiro (Acordeón) e Nadia Vázquez (Gaita) artista local que conta con inumerables títulos e premios no eido da gaita. Un formato que explora tanto repertorio de ámbito rural, como música de autor.
  • Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre: 15 músicos en escena para un directo poderoso coa clara intención de revisar ao vivo o repertorio da grabación que Xabier e este grupo de 12 cantoras e percusionistas están presentando acompañadas de Gutier Álvarez (violín e zanfona) e Javier Álvarez (acordeón diatónico). Humildes e poderosos a un tempo, adufes, pandeiretas, cunchas, pandeiras. Todo un exército de parches para montar unha foliada de dimensións ciclópeas.
  • Zurrumalla: formación con máis de doce anos estudando e tocando por toda Galicia a música tradicional, conseguen de cada actuación unha festa; cun estilo musical baseado no tradicional e achegándose a un folk propio, aportan composicións e arranxos que farán as ledicias do público. Unha sorpresa de vitalidade, e novos aires na nosa música.

A mellor música do país, gastronomía con porco o espeto e pratos tradicionais, atraccións para os máis pequenos, O Trebón dos XIDOS, sorteos e agasallos para os presentes, se unen por unha festa grande, unha festa con raíces, por unha festa para tódolos públicos, para tódalas idades.