O Servizo Galego de Saúde asume os gastos de mantemento do Centro da Guarda

O pasado martes, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e María Jesús Piñeiro, Directora Xeral de Recursos Económicos do SERGAS, asinaron o acordo para a asunción dos gastos do Centro de Saúde PAC da Guarda por parte da Consellería de Sanidade, unha vella reivindicación, trala cal o Concello cede a titularidade do inmoble á Consellería.

Unha vez finalizado este proceso de cesión o SERGAS é o encargado de asumir os gastos de funcionamento desta infraestrutura, na que as arcas municipais da Guarda investiron no ano 2018 un total de 48.537,60 euros.

O Concello da Guarda comprometeuse a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos necesarios, remitindo previamente toda a documentación e facilitando toda a información solicitada pola Xerencia de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde para evitar problemas no proceso de cambio de titularidade dos contratos de subministración existentes ata esta data.

Esta decisión fora xa adoptada nun acordo plenario de xaneiro de 2009, facendo unha rectificación do Inventario de Bens Municipais para poder ceder hoxe en día esta titularidade á Consellería de Sanidade.