Gran encontro o que disputou este domingo o Gondomar CF ante o Cultural Areas no Trofeo Vila de Gondomar que gañou por 4-2.

O equipo que prepara Víctor Santos presentouse ante a afección con moitas caras novas, e cun partido para a lembranza ante todo un Preferente como o Cultural Areas, que ten o obxectivo de retornar á Terceira División.

Abriría o marcador un Ozores que reivindicouse con tres goles, logo dun gran testarazo tras un bo centro ao área visitante. Ampliaría diferenzas a mesmo xogador, antes de que os visitantes recurtasen diferenzas cun bo gol de Pedro. Antes do descanso, a boa presión dos locais permitiu un roubo de balón que o dianteiro Rafa mandou ao fondo da rede.

Na segunda metade, o Cultural Areas recurtou diferenzas merced a un gol do baionense Antón de falta directa. O carrusel de cambios non fixo que o Gondomar decaise senon todo o contrario, e no tramo final o rexeite dun penalti fixo que Ozores anotase o 4-2 definitivo. Iso fixo que o Trofeo Vila de Gondomar quedase na casa, para agrado da afección local.

O vindeiro 1 de setembro, o equipo xogará a segunda edición do Trofeo do Val Miñor, nun triangular ante o Balaídos e o Racing Vilariño, a partires das 18:00 horas nas Gaiandas.