O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia de Pontevedra, José Luís Díez Yáñez, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes do Baixo Miño para abordar o Plan de Transporte Público de Galicia, que, segundo a Xunta, “mellorará substancialmente as conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro e a Universidade de Vigo”.
O representante do Goberno galego escoitou as achegas dos rexedores do Rosal, A Guarda, Tomiño, Tui e Oia, aos que lles trasladou que serán avaliadas para atendelas do mellor xeito posible.
“O Plan de transporte público non só reforzará os servizos aos cidadáns, senón que tamén suporá a extensión das vantaxes da Tarxeta Metropolitana aos concellos do Baixo Miño, ademais da Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 19 anos poderán viaxar gratis”, explican dende a Administración Autonómica.
“A Xunta”, aseguran, “vén apostando polo consenso no proceso da modernización do transporte público, que xa contou cunha primeira etapa de participación pública e que elaborou os mapas de liñas tras centos de enquisas a usuarios e entrevistas individuais cos concellos”.
Neste sentido, a consellería xa incorporou ao plan demandas que os concellos desta área lle foron trasladando en reunións. “Así, por exemplo, o novo contrato que operará entre A Guarda e Vigo aumenta o nivel de servizo en sete expedicións diarias de luns a venres durante todo o ano, xerándose tres novas liñas máis directas aos hospitais”, apuntan.
Dende a Xunta indican que se reforzaron os horarios de primeira hora, “o que facilitará o acceso aos servizos de carácter sanitario ou educativo, xa que as liñas de media mañá rexistraban unha baixa demanda”.
Non obstante, tal como se indicou na reunión de hoxe, a Xunta estudará as propostas para seguir adaptando as liñas ás necesidades dos veciños, mellorando as frecuencias ou as paradas.
Por outra banda, a mancomunidade do Baixo Miño xa presentou as alegacións conxuntas dos concellos membros que recolle os puntos fundamentais que afectan ao servizo público de transporte e que «podería supor un deteriodo na calidade do mesmo«.
A Mancomunidade lamenta que non se aproveita esta oportunidade que apostar polo servizo público, xa que se se precariza, terá menos viaxeiros e resultará menos rentable, sendo un círculo vicioso que non favorece o transporte público, unha solución de mobilidade que Europa recomenda como menos contaminante, máis rendible e con futuro.