O vindeiro venres, 14 de xuño, a Aula da Uned de Tui (no antigo convento de San Domingos) acollerá o acto de presentación do novo número da revista “Castellum Tyde” que edita o Instituto de Estudios Tudenses co patrocinio do Concello de Tui. Trátase xa do número 9 desta publicación que está dedicada á investigación sobre Tui e o antiguo territorio da diocese e provincia tudense.
Este novo número está dedicado ao investigador tudense, Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial da cidade, figurando un traballo realizado por Clodio González Pérez, do Museo do Pobo Galego que recolle un amplo apunte da súa traxectoria persoal e investigadora así como a bibliografía do extenso número de estudos e traballos publicados por Ernesto Iglesias ao longo das últimas décadas.
Xunto a ambos participarán nesta presentación a vice-presidenta do Instituto de Estudios Tudense e profesora de historia da arte da USC, Marta Cendón Fernández, xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.
Este novo número de “Castellun Tyde” recolle un total dezaseis de traballos de investigación dun amplo abano de autores: os propios Ernesto Iglesias e Clodio González, xunto con Anxo Serafín Porto Ucha, Isilda Salvador, Jose Manuel Hidalgo, Narciso Serra, Rafael Sánchez, Xavier Añoveros, Rosendo Bugarín, Manuel Torres, Luis M. González Piñeiro, Xoán Martínez Tamuxe, Iago Soto, Álvado Álvarez Caramés, Avelino Bouzón ou Miguel Ángel González García.
Como sinala o presidente do Instituto, Xavier Añoveros, na presentación deste número: «Os traballos contidos nesta revista afondan no coñecemento, na comprensión e valorización de diversos aspectos da nosa evolución como sociedade implantada nun territorio que, ao longo do tempo, ten construído unha identidade común baseada nunha historia compartida, con éxitos e traxedias, con acertos e desatinos…. Achegarse a estes procesos históricos, sempre cheos de dinamismo, e ás testemuñas materiais e inmateriais que no lega o noso pasado, que adoitamos denominar como patrimonio, é unha xeito excepcional para comprender a nosa realidade cotián e abordar os retos do provir».
Engade Añoveros e Trías de Bés o seu agradecemento ao Concello de Tui, na persoa do seu alcalde, Enrique Cabaleiro, polo permanente compromiso de patrocinio desta publicación que chega xa ao seu noveno número.
