Poligrodzianie

O festival folclórico internacional mais veterano da Comarca do Baixo Miño, chega un ano mais, e xa van XXVI edicións, percorrendo diferentes concellos, sendo no Rosal o xoves 25, en Tomiño o venres, na Guarda o sábado e en Oia o domingo.

Este Encontro dos Pobos, que naceu cunha finalidade de intercambio cultural, achegará á  comarca, aparte de grupos locais, un grupo procedente de Polonia e outro grupo de Austria.

Dende Polonia contarase co grupo Poligrodzianie, procedentes de Poznan, un grupo que devolve o intercambio ao grupo guardés Do Lusco ó Fusco, que estivo na súa cidade o pasado ano no mes de agosto.

É a institución folclórica máis antiga do entorno académico de Poznan, pertence á Universidade de Tecnoloxía. Considerado como un dos grandes embaixadores da cultura polaca, teñen percorrido millóns de quilómetros nas máis de 100 xiras que teñen realizado percorrendo todo o mundo, Malta, Malasia, Corea do Sur, China, Irlanda, México, Italia, USA, Suecia, Canadá, Croacia e un longo etc.

Por outra banda, contarase co grupo austríaco, Steirischer Schwung, que veñen dende Stiwoll, unha localidade ao sur de Austria. Nas súas actuacións, realizan bailes de toda Austria, sendo un ben representativo o Schuhplattler, bailado só polos homes que acompañan á melodía. Teñen participado en festivais en Alemaña, Dinamarca, Francia, Suecia, Croacia, etc.

Coa súa visita a O Baixo Miño, comeza o intercambio que o grupo Do Lusco ó Fusco vai a realizar, acollendo esta semana na nosa comarca e repetíndoo o vindeiro ano no mes de agosto.