As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2019. Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes – arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores– que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Pontevedra, Vigo e Ourense.
O obxectivo do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.
Este ano presentáronse 75 proxectos (40 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 24 na de Pontevedra e 11 na de Ourense) de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal.
O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Vigo, Ourense e Pontevedra do Colexio de Arquitectos, Manuel Martínez Carazo, Rafael Castro Armesto e Anselmo Villanueva Peón, respectivamente; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva, Antonio Soliño por Vigo, Pablo Falcón por Ourense e Cristina García por Pontevedra; o arquitecto Alberto Quintáns premiado na edición anterior; e a secretaria da delegación pontevedresa María Pierres.
Tras horas de liberacións, o xurado seleccionou 14 obras, dúas en Tui e unha en A Guarda, e mostrou a súa satisfacción ao corroborar o incremento de obras presentadas respecto doutros anos, e a constatación da gran calidade de todas elas, que premiadas ou non, son “testemuño do bo facer, do talento e do esforzo agochado tras cada traballo”.
O acto de entrega de diplomas celebrarase en Pontevedra no mes de novembro para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias.
Os premios naceron no ano 2001 co obxectivo de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina.
Proxectos premiados:
- Rehabilitación e ampliación de centro de actividades de montaña con aloxamentos. (Lugar de Frinxo, Tui).
Alfonso Salgado Suárez e Francisco Xabier Liñares Túñez. Salgado e Liñares, SLP.
Pola correcta integración no lugar de todo o conxunto edificado, tanto as novas construcións como os volumes rehabilitados, nun equilibrio perfecto entre volumetrías tradicionais e materialidade, o que permite a posta en valor do contorno.
- Vivenda unifamiliar aillada. (Irmáns Noia Xil, esquina rúa O Rosal s/n. A Guarda).
Xavier Pousa Arbone.
Pola habilidosa resolución do programa nunha parcela de complicada topografía e morfoloxía, así como polo agradecido uso dos materiais e solución de fachada.
Jorge Enríquez Méndez
Pola firme aposta no uso dun material único que permite a resolución de moitos dos elementos que requiría o programa, e por demostrar á perfección a importancia e peso da estratexia proxectual no éxito final dunha obra, máis alá dos condicionamentos orzamentarios.