Oia comunica a súa actividade a través dun servizo de mensaxería instantánea para móbil

O Concello de Oia vén de dotarse da aplicación Tokapp, un servizo de mensaxería instantánea a través de smartphone ou tablet que garante a axilidade e a seguridade á hora de comunicar a súa actividade á cidadanía.

Tokapp permite que calquera cidadán poda seguir as novidades do Concello a través dos grupos de subscrición que, segundo os diversos temas, o Concello vai abrindo. As persoas usuarias poderán subscribirse ás listas creadas (cultura, deportes, emprego-formación e subvencións) a fin de recibir a información que lle resulte de interese.

O procedemento para poder empregar a aplicación é o seguinte:

  • Dende o teléfono móbil ou tablet, entrar na App Store (iOS) ou Google Play (Android),
  • Buscar Tokapp e descargar a aplicación. É de balde.
  • Abrir a aplicación, seleccionar o país, cubrir os datos para a creación do usuario e o contrasinal.
  • Elixir a subscrición ao Concello de Oia e, dentro dela, a todas as listas temáticas que se consideren de interese. Están abertas catro: cultura, deportes, emprego-formación e subvencións.

Aforro de custos

O uso de Tokapp para as comunicacións entre o Concello de Oia e a cidadanía supón un aforro, pois evita a distribución de circulares, comunicacións ou chamadas que supoñen un gasto económico e de tempo.

Ao mesmo tempo, esta plataforma de comunicación garante a confidencialidade dos datos das persoas usuarias e a seguridade nas comunicacións.