Centro Cultural de Pedornes
ALFREDO // Centro Cultural de Pedornes

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe os case 95.000 euros destinados pola Consellería de Cultura para sete proxectos de mellora de centros socioculturais na área da Delegación Territorial de Pontevedra, un deles correspondente a Oia.

Trátase da resolución das axudas para a mellora e dotación de equipamento das instalacións destinadas á programación de actividades culturais.

Na comarca do Baixo Miño beneficiaranse o concello de Oia que poderá mellorar o centro sociocultural de Pedornes cunha axuda de 30.000 euros.

Todos os proxectos subvencionados polo Goberno autonómico desenvólvense en espazos nos que teña lugar unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc). Entre as actuacións que se levarán a cabo ao amparo desta orde de axudas están melloras nas instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas, adquisición de equipamento audiovisual ou a compra de material escénico, entre outras.

Fomento do galego

Por outra banda, José Manuel Cores Tourís tamén destacou os case 8.500 euros destinados pola Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística aos centros educativos da comarca do Baixo Miño co obxectivo de fomentar o uso do galego no curso escolar 2018-19.