Abegondo conta con diferentes estacións depuradoras de auga residuais (EDAR) que ofrecen unha solución diferente á veciñanza para que as augas fecais non afecten aos dos ríos.

En concreto ás de Orto e Cullergondo empregan un sistema baseado no filtrado que fai unha planta chamada macrofita. Para coñecer máis polo miudo cómo funciona e que características ten esta opcións, así como a súa implementación nun ámbito rural, un grupo de veciños do concello de Oia percorreu este sábado 2 de xuño, a instalación de Cullergondo.

Logo desta visita terán máis ferramentas para decidir que solución é a mellor no seu ámbito xeográfico. No seu percorrido tamén puideron coñecer a experiencia da traída veciñal da Malata, que dota de auga potable aos veciños deste lugar, outra iniciativa coa que colaborou o Concello de Abegondo que está a chamar a atención doutros lugares de Galicia para valorar a ‘exportación’ do modelo a outros concellos.

Guiados polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Gustavo Quindimil Gómez,  e o técnico municipal Carlos Ameijenda, os veciños de Oia puideron coñecer o detalle do funcionamento da estación depuradora de Cullergondo. Á cabeza da expedición pontevedresa estaba a alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal. O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, reuniuse co grupo ao final da visita.

Cullergondo, un exemplo de EDAR que emprega plantas para filtrar a auga

Desde fai xa seis anos, os veciños das parroquias de Xuanzo e Cullergondo, no Concello de Abegondo, poden optar por conectar as súas augas fecais á EDAR de Cullergondo. Nesta planta, que ten capacidade para dar servizo a 50 vivendas e 186 veciños, se empregan técnicas directamente vencelladas á natureza.

O sistema consiste en derivar ás canalizacións das vivendas cara a EDAR. Unha vez alí, a auga chega e deposítase nunha fosa séptica na que se decanta durante 1 día aclarándose e separando residuos de máis peso que quedan na parte baixa e se baleiran cada certo tempo.

O seguinte paso é que o líquido pase a unhas balsas nas que recibe tratamento axeitado sen empregar enerxía eléctrica. Son as plantas, neste caso as macrofitas, as encargadas de limpar a auga a través do traballo que fan as súas raíces e as bacterias ao longo de 10 días. Rematado este proceso de fitodepuración, a auga xa se pode enviar ao río para que sega o seu curso.

A EDAR leva en funcionamento desde 2012 con resultado de éxito e satisfacción veciñal. As analíticas sempre foron favorables demostrando que este sistema, máis sostible a longo prazo que outros, é igualmente eficiente.