Os asistentes a reunión entre o BNG e ORPAGU

O BNG reuniuse coa Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) onde se trataron temas relacionados co sector pesqueiro. A delegación do BNG estaba composta polo deputado do BNG en temas de pesca Daniel Rodas, o candidato pola comarca do Baixo Miño, Xosé Manuel Méndez, e o portavoz municipal Ángel Baz.

Durante a reunión expuxéronse problemáticas que están afectando ao sector e a necesidade de políticas de apoio aos barcos galegos. Entre outras, vése con bos ollos a proposta do BNG de creación dun banco público que axude ao finanzamento de pequenas e medianas empresas, así como unha política pesqueira que defenda os intereses galegos en canto ao reparto de cotas pesqueiras.

Foi un encontro enriquecedor, no que quedou claro a necesidade de seguir apoiando aos nosos sectores produtivos como a pesca, fundamental para unha poboación como a da Guarda”, comentou Xosé Manuel Méndez, candidato do BNG pola comarca do Baixo Miño.

Para o BNG a única forma de salvar o futuro do sector pesqueiro é unha banca pública que axude ás pequenas e medianas empresas a manter a actividade pesqueira, un goberno que defenda os intereses de Galiza en materia de pesca e unha política de potenciación dos nosos sectores produtivos.